Noa Presas: “As políticas de Feijóo levan a Ourense a diverxer e non a converxer co resto do país”

Noa Presas
Noa Presas
A deputada do BNG criticou os orzamentos presentados polo PP caracterizados pola falta de proxecto de futuro para a provincia
A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, destacou a falta de proxecto para Ourense que posúe o Partido Popular após de presentar os orzamentos para 2020. Sanidade, infraestruturas, servizos sociais e o rural: son cuestións que reciben menos orzamentos que en anos anteriores para “unha provincia que precisa fixar poboación e desenvolver un proxecto de futuro para a provincia” resaltou Presas.

“O goberno de Núñez Feijoo non ten nin un ha soa idea para sacarnos desta crise económica e demográfica que estamos a vivir en Ourense” comezaba así a deputada do BNG, Noa Presas. Salientou tamén o “escaso ou nulo peso político da saga Baltar e da súa nova marca branca, Democracia Ourensana” dentro das políticas do Partido Popular de Galiza ademais de asegurar que estes orzamentos son un “mal punto de partida que dificilmente nos axudan a afrontar os retos de futuro”.

Segundo a Xunta de Galiza, “temos que estar moi contentos porque seica temos moito investimento per cápita” afirmación que desmentía a deputada do BNG que afirmaba que  “iso é exclusivamente pola perda de poboación que sofre Ourense”. Esta “sangría demográfica” cífrase, no que vai de lexislatura, en máis de 6.000 persoas que abandonaron a nosa provincia: “máis de 26.000 persoas menos en todo Ourense se nos retomamos ao primeiro mandato de Núñez Feijóo en 2009” calculou a deputada Presas.

“Os orzamentos presentados non nos leva a converxer co resto de Galiza, lévanos a diverxer” sinalou a deputada do BNG. Asemade, caracterizou estes orzamentos como “continuístas” con promesas vellas que foron prometidas en orzamentos anteriores. Un copia e pega dos anteriores orzamentos coa única diferenza de que diminúe o orzamento para a circunscrición de Ourense.

Redución no investimento en infraestruturas

A conexión co polígono da A-52 é unha promesa do 2009 e xa en 2019 “aínda non está rematada”. A deputada Presas sinalou outras infraestruturas que se prometeran noutras lexislaturas e noutros orzamentos e que aínda non viron a luz: “a autovía que conecta Celanova con Portugal aínda é inexistente, a intermodal “Frankenstein” continúa tamén a aparecer nos orzamentos, porque aínda non está rematada, e cunha cantidade que decrece”. Presas salientou que os orzamentos destinados á intermodal son un claro exemplo da discriminación que sofre Ourense xa que “a intermodal da Coruña vai recibir até sete veces máis recursos económicos”.

Carente de políticas sociais necesarias

Respecto das partidas de política social, Presas destacou a promesa do goberno popular de 2016 referente á creación dun centro de discapacidade que no verá a luz nesta lexislatura. Asemade, “non se atende o principal problema de Ourense, como é a dependencia, e a falta de prazas residencias para os nosos maiores” destacou a deputada do BNG. “O propio Consello de Contas di que o número de prazas é insuficiente e Ourense representa o maior índice en privatización neste sector” indicou Presas que sinalaba a ausencia deses 30 millóns que se dedicaban para este sector.

Os centros de menores de Ourense brillan pola súa ausencia nestes orzamentos e o Plan Director de Ourense, en canto á sanidade pública, recibe a contía máis baixa nesta lexislatura. “Ourense precisa que o Cristal e o Materno sexan reformados integralmente e de maiores dotacións. Asemade, os hospitais comarcais precisan de máis fondos coma o hospital de Verín, que está en plenas mobilizacións; e o hospital do Barco, ao que se lle prometera por parte do PP, a renovación de oncoloxía e de urxencias” sinalou Presas.

“O Centro de Saúde do Vinteún non aparece outra vez nos orzamentos da Xunta de Galiza e en Ourense continuaremos a non ter unha unidade especializada en ictus” destacou Noa Presas, deputada. Asemade, agradeceu a rectificación do SERGAS perante as acusacións vertidas ao BNG polas denuncias que a organización nacionalista fixo durante verán polo non funcionamento da unidade de resonancia magnética vella.

En conclusión, a deputada sinalou que estes orzamentos abandonaban o  rural, posto que só apuntaban recursos “no regadío e na promoción das razas autóctonas” e ningunha novidade en canto “á innovación, nin á industria e respecto ás necesarias reformas que precisan os nosos polígonos industriais nin ningunha cuestión nova de impulso para Ourense” sentenciou Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG