Noa Presas: «As multas ás eléctricas polo baleirado dos encoros son ridículas e non impedirán que volva pasar»

Noa Presas
Noa Presas

A portavoz de Enerxía, Noa Presas, recrimina que as sancións ascenderían a 2,4 millóns se o PP non tivese cambiado a ordenación de pesca fluvial

Propón investigar, mudar a lexislación vixente e esixir reparación de danos    

BNG cualifica de “absolutamente ridículas” as multas de 25.000 euros por encoro baleirado que vén de impoñer a Xunta ás compañías eléctricas que baleiraron as presas de Belesar, Cenza, Salas e As Portas no verán.

Así o asegura a portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, quen recorda que, por poñer un exemplo, Iberdrola gañou máis de 2.400 millóns de euros só nos nove primeiros meses de 2021. “Por tanto, é unha contía ridícula -advirte- que non vai facer que as eléctricas deixen de estar impunes e de facer o que lles pete cos nosos recursos naturais”.

Para Presas, este marco de impunidade “é moi grave” e recorda tres cuestións importantes ao respecto: o primeiro, que a Xunta tardou tres meses en actuar e só se moveu pola presión social e a desesperación da veciñanza (cómpre lembrar neste sentido que o 10 e 12 de xuño de xullo había comunicacións sobre o baleirado dos encoros das eléctricas á Administración galega e que esta non se pronunciou publicamente sobre este tema ata o 21 de agosto) e que bloqueou a investigación do Parlamento galego.

E, en último lugar, a deputada nacionalista tamén recorda que foi o PP quen modificou a ordenación de pesca fluvial para rebaixar as contías das sancións: “se non o tivese feito, estariamos falando de 2,4 millóns de euros”, recrimina.

Así pois, a xuízo da portavoz de Enerxía do BNG, “esta situación o que amosa unha vez máis é a incompetencia da Xunta, a inacción do Estado e que esta situación continúa”, polo que, nunha semana “na que estamos vendo lumes e unha gran preocupación pola seca na Baixa Limia ou en Monterrei”, advirte de que “eses encoros seguen baleiros”. Por iso, defende a necesidade de endurecer sancións, investigar que está acontecendo e cales son as responsabilidades, modificar as leis e esixir a reparación de danos”, conclúe.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG