A portavoz de Facenda, Noa Presas, esíxelle o Goberno do PP que rectifique a súa posición sobre a condonación da débeda a Galiza de máis de catro mil millóns de euros negociada polo BNG co Partido Socialista no pacto de investidura e que hoxe foi aprobada polo Consello de Ministros. “É unha oportunidade histórica que o BNG conseguiu e que Galiza non pode desaproveitar”, asegurou.
Presas advertiu que Galiza non se pode permitir perder os 4.010 millóns de euros para reducir unha débeda que o PP triplicou durante os seus anos de goberno na Xunta e que hoxe supera os 12.800 millóns, máis tendo en conta que segundo os orzamentos que se tramitan para 2026 a Xunta vai gastar máis en débeda que en Política Social.
É por iso que a deputada do BNG, diante da decisión tomada hoxe no Consello de Ministros, empraza o PP de Rueda a “rectificar” e a abandonar o “sectarismo” de Feijóo, que desde Génova está impoñendo a negativa galega a aceptar a quita e aforrarse ter que pagar eses 4.010 M€. “Rueda ten que deixar a súa submisión absoluta a Génova e poñerse de lado dos galegos e as galegas, defendendo os seus intereses fronte aos intereses partidistas de Feijóo”, advirte Presas.
A deputada do BNG esixe así o Executivo do PP que negocie co Goberno do Estado as condicións da condonación e facilite a súa tramitación no Congreso, tal e como van facer outros territorios do Estado porque —alega— “ninguén se cre a estas alturas que unha quita non sexa beneficiosa para o noso País”.
“Sabemos que Galiza ten un importante problema coa súa débeda, triplicada polo PP nos seus anos de goberno, e, por tanto, non podemos quedar atrás e desaproveitar esta gran oportunidade, que os demais si van aceptar”, insiste, para concluír que a condonación “é unha oportunidade que sen dúbida aliviará a carga da débeda que o PP triplicou e que suporá reinvestir máis recursos en servizos públicos esenciais”, como a educación, á sanidade ou á dependencia”.