Néstor Rego visita A Estrada e Forcarei para reunirse coa veciñanza e colectivos afectados polo futuro parque eólico de Afrende

Visita Afrende
Visita Afrende

BNG rexistrará iniciativas no Congreso para urxir o Goberno a rexeitar este proxecto eólico e demanda unha Planificación Eólica conxunta entre Goberno do Estado e Xunta de Galiza que atenda a criterios racionais e sustentábeis co medio.

Susana Camba, portavoz do BNG na Estrada recrimina “o pasotismo” do deputado do Partido Popular, Juan Constenla, ante a ameaza que supón a invasión eólica. O concelleiro de Forcarei, Roberto Jorge, reclama a paralización dos 16 proxectos que deixarían ao concello rodeado dun mar de aeroxeradores.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia, na súa visita aos concellos da Estrada e de Forcarei, iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado denegue a autorización sobre a construción do Parque Eólico Alto de Afrende de 53.6 MW que afecta aos municipios de Forcarei, A Estrada e Silleda. A formación nacionalista aposta pola paralización de todos os proxectos eólicos en tramitación e a elaboración, en colaboración coa Xunta de Galiza, dunha Planificación Eólica baseada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio.

O MITECO, a través da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, está a tramitar o expediente para a instalación dun novo parque eólico na comarca da Estrada-Deza e a súa correspondente liña de evacuación. Este proxecto, promovido por Volantis Renovables S.L.U. afectará a núcleos de poboación pertencentes aos municipios da Estrada- Liripio, Ribela, Vinseiro, Pardemarín, Olives e Curantes-, Forcarei- Quintillán e Meavía- e Silleda, nas zonas de Moalde e Escuadro, que deberán soportar a contaminación acústica, paisaxística e que afectara directamente a súa calidade de vida. Con este proxecto suman xa 16 parques eólicos, entre os de tramitación polo Ministerio e os de competencia da Xunta de Galiza, os que pretenden instalarse na comarca, con poligonais que se superpoñen indiscriminadamente e rodeando por completo a maioría das poboacións que sufrirán de forma directa os efectos de vivir ao pe de aroxeradores de máis de 200 metros de altura.

Este proxecto eólico contempla a instalación de 9 aeroxeradores, ocupará unha superficie de 1.271,41 hectáreas e a súa liña de evacuación será compartida con outros parques eólicos da zona como o de Outeiro Gran e Monte Festeiros, tramitados pola Xunta de Galiza. “Resulta evidente que a produción eólica planificada nun territorio debe avaliarse e valorarse no seu conxunto, como un todo, e non de forma  fragmentada en partes sometidas a avaliacións ambientais independentes” afirma o deputado do BNG.

Os veciños e veciñas trasladaron a súa preocupación ante a proximidade das casas dalgúns dos 9 aeroxeradores proxectados, a menos de 500 metros nalgúns puntos, onde se verán afectados polo constante ruído e polo efecto luz-sombra das pas. Destacaron tamén que o parque afectará fundamentalmente a terras agrarias, nas que se fixo a concentración parcelaria e que con este parque destruiríase todo o traballo e cartos investidos para lograla, e que se impedirían que se poda seguir mantendo actividades agrarias ou forestais nas zonas das poligonais e polas afectadas polas liñas de alta tensión que evacúan a enerxía do parque. Tamén incidiron nos grandes movementos de terra que deberan facerse para construír as pistas de acceso pola que entren os camións que trasladen as pas de ate 80 metros e as voaduras para instalar os pes de moitos metros de profundidade. Todo iso afectará ás augas naturais, ás fontes e mananciais, ás traídas para consumo humano e á capa freática.

Visita AfrendeNo concello de Forcarei o deputado nacionalista puido coñecer as instalacións do observatorio astronómico da man de membros do padroado da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, que tamén verá afectada a súa actividade pola instalacións de aeroxeradores. Ter un campo de visión despexado e a falta de contaminación lumínica son imprescindíbeis así, o parque eólico proxectado, alteraría por completo o entorno e dificultaría as súas actividades. Recordaron que o astroturismo é unha actividade cun grande potencial económico para a zona e que esta a verse unha demanda crecente que se vería truncada coa construción de todos os parques eólicos en tramitación.

Por outra banda, a organización nacionalista alerta de que a aprobación deste proxecto afectará de maneira directa a espazos protexidos da rede natura, a destacar a invasións das Brañas do Xestoso, e o patrimonio da zona, como as Mámoas de Boi Morto, a ermida de Santo Amaro, o Couto do Castro e o Rego da Cruz e tamén porá en perigo a conservación das especies protexidas ou ameazadas, de fauna e flora, que habitan nese territorio.

Abandono institucional frente a ameaza dos eólicos

Durante a visita na zona onde se instalarían os aeroxeradores, entre Vinseiro e Meavía, e na capela de San Amaro, o deputado nacionalista estivo acompañado por veciñas e veciños dos concellos da Estrada e Forcarei. “Frente ao pasotismo do deputado do Partido Popular e actual concelleiro na Estrada, Juan Constenla, o deputado do BNG quere trasladar a preocupación veciñal polo espolio eléctrico ao Congreso” apunta a concelleira do BNG no Concello da Estrada, Susana Camba. Pola súa parte, o concelleiro do en Forcarei, Roberto Jorge, destacou que o BNG promoverá iniciativas a nivel local, galego e estatal, pero que é fundamental tamén a mobilización da veciñanza e a contestación social para lograr a paralización dos proxectos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG