Néstor Rego visita Corme para trasladar as medidas urxentes que propón o BNG e combater os efectos da suba dos prezos

Acto Corme
Acto Corme

Imposto ás grandes eléctricas, elevar os límites do imposto do Patrimonio, a deflación do IRPF ou baixar o IVE dos produtos básicos e de primeira necesidade: algunhas das propostas que defende a organización nacionalista

O BNG reclama medidas urxentes para controlar e estabilizar os prezos para os sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro que se están a ver gravemente afectados

Néstor Rego visita Corme para trasladar as medidas urxentes que propón o BNG e combater os efectos da suba dos prezos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén un encontro coa veciñanza da localidade de Corme no concello de Ponteceso para informar sobre a actividade política na cámara baixa, centrándose nas medidas urxentes que propuxo o BNG para paliar as graves consecuencias que está causando a suba disparada dos prezos na economía da Galiza e impedir o empobrecemento das clases populares. A organización nacionalista entende que é preciso controlar e estabilizar o prezo e mesmo estabelecer axudas para os sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro, que se están a ver enormemente afectados.

Durante o encontro, o deputado nacionalista destacou a defensa “coherente e insubornábel” dos intereses da Galiza e da clase traballadora que fai día a día o BNG, tamén no Congreso, dando voz ás necesidades e problemas dos galegos e galegas. “Neste momento unha das principais preocupacións é, sen dúbida, a escalada de prezos que afecta de forma directa ás economías familiares, sectores produtivos e empresas” destaca Rego, “e o BNG exixiu ao Goberno desde o primeiro momento medidas urxentes e ambiciosas”.

No que ten a ver co sector primario, un dos que está sendo máis gravemente afectado, o BNG reclama controlar e estabilizar o prezo e mesmo axudas para os sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro. Aliás, reclama que o executivo “controle o cumprimento das previsións da Lei de Cadea Alimentaria de non poder vender por debaixo dos custos de produción”.

Un dos primeiros servizos que sufriu a alza dos prezos, xa desde 2021, foi o eléctrico, por iso debe ser un dos sectores prioritarios nos que o Goberno debe actuar. “O sector eléctrico precisa dunha reforma profunda se queremos ver cambios na factura” subliña o deputado nacionalista, a comezar pola intervención pública do mercado para botar man dos beneficios “chovidos do ceo” das eléctricas e o control os prezos para garantir o acceso á enerxía como “un ben básico” e que se produce con recursos públicos. Rego urxe desvincular o mecanismo de fixación dos prezos da electricidade no mercado maiorista da evolución do prezo do gas nos mercados internacionais e mudar o sistema de pool. Así mesmo, demanda a rebaixa permanente do IVE de enerxía eléctrica “a 4%, por tratarse dun ben de primeira necesidade e a retirada da factura daqueles conceptos que non están vinculados á xeración de enerxía e que a sobrecargan”.

Sumado a estas medidas no sector eléctrico, o deputado explica que é preciso tamén levar a cabo un “control  do prezo dos hidrocarburos con medidas como a redución temporal dos impostos a estes combustíbeis, así como fixación de prezos máximos para a súa comercialización”.

“O BNG considera urxente abordar unha reforma do sistema fiscal para compensar a perda do poder adquisitivo dos sectores da poboación economicamente máis vulnerábeis e que deben incluír a reforma do IRPF para incrementar a progresividade, e mentres dure a situación de inflación, a deflación da tarifa, tanto estatal como autonómica, evitando a tributación sobre rendementos nominais e non reais” explica Rego. Tamén propón a incremento no límite de gasto de dietas e locomoción, converter o imposto de sociedades nun imposto progresivo e revisar os impostos de Patrimonio e o de Sucesións e Doazóns. “Resulta imprescindíbel ademais iniciar unha baixada selectiva do IVE en bens e servizos de primeira necesidade como son a alimentación, produtos de hixiene persoal e feminina, transporte público ou os servizos enerxéticos básicos como a luz e o gas” remarca o deputado do BNG. 

Lembra que esta semana, durante a sesión de control ao Goberno, reclamaron ao Presidente a aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega que permita a través do abaratamento das peaxes de transporte “por sermos un País produtor e excedentario de enerxía eléctrica” e o impulso de medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva, “a través dunha tarifa estábel que garanta prezos máximos a medio prazo”.

 

Néstor Rego visita Corme para trasladar as medidas urxentes que propón o BNG e combater os efectos da suba dos prezos