congreso

Néstor Rego visita a comarca do Morrazo e mantén un encontro co sector pesqueiro en Bueu

Visita Bueu
Visita Bueu
BNG puxo en común co sector as iniciativas levadas ao Congreso dos Deputados e destacou a reclamación dunha demanda de vello da frota pesqueira galega, a baixada do IVE sobre o peixe e o marisco ao 4% aplicábel aos produtos de primeira necesidade.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego mantivo un encontro con representantes dos sector pesqueiro do Morrazo en Bueu, no que estiveron tamén presentes o alcalde Félix Juncal, os concelleiros e concelleiras Xosé Leal, Ana Otero, José Moital e Silvia Carballo e o deputado no Parlamento Galego Paulo Ríos. Nesta xuntanza, puxeron en común as principais necesidades do colectivo e trataron as iniciativas que a fronte nacionalista levou ás distintas institucións nas que ten presenza na defensa dos intereses do sector pesqueiro. Fixeron especial fincapé na iniciativa que reclama a baixada do IVE aplicábel aos produtos pesqueiros até o tipo superreducido de 4% que debera aplicarse ao peixe e marisco como produto de primeira necesidade.

“A adopción desta rebaixa no Imposto sobre o Valor Engadido axudaría a manter o consumo dos produtos do mar agora que a crise afecta gravemente á situación económica das persoas” explica Rego e, ademais, “serviría como medida para impulsar unha dieta equilibrada e saudábel para toda a poboación, que tería un mellor acceso ao peixe e marisco se o prezo é máis asequíbel debido á baixada de impostos”. Ademais de proposicións no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados, tamén será debatida unha moción neste mesmo sentido no Pleno do Concello de Bueu.

Visita BueuAsí mesmo, no encontro co sector trasladáronse outras iniciativas que o BNG está a defender como son as referidas ao Regulamento Europeo de Control pesqueiro, que afectaba moi negativamente ás embarcacións de baixura e artesanais, e que agora foi modificado en parte grazas á contestación social.

Por outra banda, o deputado traslada a proposta para incrementar as Reservas de Axuste destinado ao sector pesqueiro e corrixir os criterios de repartición para teren en conta as zonas máis afectadas polo acordo e máis dependentes da pesca. Rego tamén urxe transferir a xestións dos fondos pesqueiros á Xunta de Galiza e programar plans de soporte económico e social para o sector e ás zonas máis afectadas polo acordo entre a Unión Europea e o Reino Unido. “Os criterios de repartición empregados son o valor das capturas no Reino Unido por cada Estado membro ponderado pola súa dependencia das augas británicas” subliña Rego. Outras medidas propostas eran referidas á declaración da Galiza como zona altamente dependente da pesca e a revisión do principio de estabilidade, a contratación de mariñeiros e o revezamento xeracional da frota galega, ou a retirada das axudas aos carburantes empregados nos barcos pesqueiros.

“Galiza non pode seguir soportando acordos e normativas que procedentes da Unión Europea, do Goberno do Estado e tamén do galego, abocan á desaparición paulatina dunha das principais frotas europeas. O BNG seguirá loitando e apoiando ao sector nas súas reclamacións dirixidas tanto á Xunta de Galiza como ao Goberno do Estado para que actúen na defensa da frota pesqueira galega que proporciona miles de postos de traballo directos e indirectos e que é sostíbel” subliña o deputado nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG