congreso

Néstor Rego urxe recuperar todas as frecuencias de trens na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

O BNG propón a rebaixa dos prezos nos billetes AVANT nas conexións ferroviarias do País.

Néstor Rego: “Estas son as consecuencias de obedecer a un modelo centralista que prima as conexións con Madrid no lugar de conectar as principais vilas e cidades da Galiza”.

O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra varias iniciativas no Congreso para recuperar todas as liñas e frecuencias que se cancelaron durante a pandemia xerada pola COVID-19. Así mesmo, o deputado nacionalista reclama a baixada das tarifas dos billetes nos trens AVANT que conecta as principais cidades da Galiza tras a nova política de ofertadas anunciada por Renfe.

Coa crise do coronavirus, o Goberno do Estado suprimiu diferentes liñas de tren na Galiza  de larga distancia e mesmo o tren hotel que conectaba o país con Madrid e Barcelona. Mesmo liñas con alta demanda como o das 6.45h, saída de Ourense e destino A Coruña con parada en Santiago, non foron recuperadas a pesar de que a formación nacionalista leva máis de oito meses urxindo a recuperación da frecuencia. “Esta liña é necesaria para os numerosos desprazamentos diarios de traballadores e traballadoras, así como de estudantes que se desprazan até a Universidade de Santiago ou Coruña” enfatiza o deputado nacionalista.

“Estas son as consecuencias de obedecer a un modelo centralista que prima as conexións con Madrid no lugar de conectar as principais vilas e cidades da Galiza” subliña Rego mentres recrimina que as escasas liñas e frecuencias do país non se adecúan aos horarios laborais e estudantís. Isto provoca, en verba do deputado, un “éxodo do interior do país que, sen conexións co resto de cidades e vilas, tanto estudantes como traballadores e traballadoras se ven obrigados a marchar á cidade ou vila onde traballan”.

Así mesmo, a organización nacionalista reclama ao Ministerio de Transportes unha baixada de prezos estabelecidos para os billetes AVANT que conectan as principais cidades do país. A nova política de ofertas anunciada permitirá ir en AVE de Madrid a Barcelona por 27 euros. “Un percorrido de 360 quilómetros, que conecta Madrid con Valencia, valerá 18 euros, o mesmo prezo que lle custa a un ourensán ou ourensá coller un tren de Ourense a Santiago mais tendo só 104 quilómetros de percorrido” explica o deputado nacionalista.

“Este mes comezaron a funcionar os trens AVLO de Madrid a Barcelona que permitirán viaxar por tan só sete euros, case o mesmo prezo que custa un billete da cidade de Santiago até A Coruña” destaca Rego. A organización frontista considera excesivo o custo dos billetes AVANT na Galiza e sinala que, de non aplicarse algunha rebaixa ou bonificación nestas tarifas, estarase cometendo outro agravio histórico máis para os galegos e galegos, sumado a falta dun servizo de ferrocarril que permita conectar as principais vilas e cidades.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG