Néstor Rego traslada aos veciñas e veciñas de Teo as medidas urxentes que propón o BNG para combater os efectos da suba de prezos

Acto Teo
Acto Teo

A organización nacionalista reclama medidas urxentes que deseñen un sistema tributario máis xusto e progresivo, aliviando a carga das clases populares, e facendo que pague máis quen máis ten.

Tratáronse tamén outros asuntos que afectan especialmente ao concello de Teo como a proliferación de parques eólicos que poñen en risco o patrimonio natural e cultural e afectan á calidade de vida das persoas.  

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz da formación no concello de Teo, Patricia Castelao, mantiveron un encontro coa veciñanza de Teo na que informaron da actividade política que leva adiante a organización nacionalista na cámara baixa, centrándose nas medidas que reclama ao Goberno do Estado e da Xunta para combater as graves consecuencias que está causando a suba disparada dos prezos na economía da Galiza e paliar o empobrecemento das clases populares.

Durante o encontro, o deputado nacionalista destacou a defensa “coherente e insubornábel” dos intereses da Galiza e da clase traballadora que fai día a día o BNG, e tamén no Congreso dando voz ás necesidades e problemas dos galegos e galegas. “Neste momento a principal preocupación é a escalada de prezos que afecta de forma directa ás economías familiares, sectores produtivos e empresas” destaca Rego, “e o BNG exixiu ao Goberno desde o primeiro momento medidas urxentes e ambiciosas”.

O BNG considera urxente abordar unha reforma do sistema fiscal para compensar a perda do poder adquisitivo dos sectores da poboación economicamente máis vulnerábeis e que deben incluír a reforma do IRPF para incrementar a progresividade, e mentres dure a situación de inflación, a deflación da tarifa, tanto estatal como autonómica, evitando a tributación sobre rendementos nominais e non reais. Tamén propón a incremento no límite de gasto de dietas e locomoción, converter o imposto de sociedades nun imposto progresivo e revisar os impostos de Patrimonio e o de Sucesións e Doazóns. “Resulta ademais iniciar unha baixada selectiva do IVE en bens e servizos de primeira necesidade como son a alimentación, produtos de hixiene persoal e feminina, transporte público ou os servizos enerxéticos básicos como a luz e o gas” remarca o deputado do BNG. 

Un dos primeiros servizos que sufriu a alza dos prezos, xa desde 2021, foi o eléctrico, por iso debe ser un dos sectores prioritarios nos o Goberno debe actuar. “O sector eléctrico precisa dunha reforma profunda se queremos ver cambios na factura” subliña o deputado nacionalista, a comezar pola intervención pública do mercado para botar man dos beneficios “chovidos do ceo” das eléctricas e o control os prezos para garantir o acceso á enerxía como “un ben básico”. Rego urxe desvincular o mecanismo de fixación dos prezos da electricidade no mercado maiorista da evolución do prezo do gas nos mercados internacionais e mudar o sistema de pool. Así mesmo, demanda a rebaixa permanente do IVE de enerxía eléctrica “a 4%, por tratarse dun ben de primeira necesidade e a retirada da factura daqueles conceptos que non están vinculados á xeración de enerxía e que a sobrecargan”.

Alén do máis, reclama aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega a través do abaratamento das peaxes de transporte “por sermos un País produtor e excedentario de enerxía eléctrica” e o impulso de medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva, “a través dunha tarifa estábel que garanta prezos máximos a medio prazo”. Destaca a creación de empresas públicas que comecen a xestionar os saltos hidroeléctricos e parque eólicos.  Ademais “É preciso prohibir por lei, de maneira permanente, o corte das subministracións básicas de luz, auga e gas” reivindica Rego.

Sumado a estas medidas no sector eléctrico, o deputado explica que é preciso tamén levar a cabo un “control  do prezo dos hidrocarburos con medidas como a redución temporal dos impostos a estes combustíbeis, así como fixación de prezos máximos para a súa comercialización”.

Para a organización nacionalista, é necesario controlar e estabilizar o prezo e mesmo axudas para os sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro, que se están a ver gravemente afectados. Aliás, reclama que o Goberno “controle o cumprimento das previsións da Lei de Cadea Alimentaria de non poder vender por debaixo dos custos de produción”.

Por outra banda, a formación nacionalista defende “a suba das pensións mínimas e os salarios mínimos até 60% do Salario Medio tal e como recolle a Carta Social Europea” e a suba dos salarios co IPC. De maneira inmediata, medidas como a suba de prestacións social tales como o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e mesmo a ampliación do bono social e o bono eléctrico.

Iniciativas en defensa dos intereses de Teo

Tanto a concelleira do BNG, Patricia Castelao, como o deputado Néstor Rego, destacaron a especial afectación do concello de Teo por distintos proxectos de parques eólicos que están en tramitación na Xunta e no Ministerio, como é o do Monte Piquiño. A normativa actual permite que sexan as empresas as que decidan onde queren implantarse, sen que as administración planificaran previamente as zonas en que a instalación de aeroxeradores pode ser posíbel por non afectar ao patrimonio natural e cultural, vivendas ou terras agrarias ou forestais.

“Agora o proceso será aínda máis opaco, pois a nova normativa aprobada polo Goberno permite que as empresas non teñan que facer sequera a exposición pública do proxecto e do estudo de impacto ambiental” destaca Rego. “A veciñanza de Teo non poderá presentar alegacións ao proxecto pois a administración decidiu eliminar este trámite” subliña Castelao, “pero no noso concello non ficaremos parados, xa tivemos que loitar contra a instalación do vertedoiro na canteira da Casalonga, e seguiremos a loitar para impedir a implantación deste parque eólico”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG