Néstor Rego: “ter voz propia en Madrid serve para defender os intereses de Redondela”

Acto Redondela
Acto Redondela
O deputado visita Redondela para falar da necesidade de que Galiza teña voz propia en Madrid e executar a Axenda Galega que se conseguiu desbloquear coa chegada da formación nacionalista á cámara española

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa nun acto público en Redondela xunto co portavoz municipal, Xoán Carlos González Campo, que foi presentado pola concelleira do BNG Yésica García Cruz, para explicar a importancia para Galiza de ter voz propia en Madrid e a importancia de acadar representación para defender os intereses das galegas e galegos, con máis forza aínda. No que vai de mandato non houbo tema que afectara ao noso País que non fora levado ao Congreso. O proxecto de integración da AP-9 en Chapela e a pretensión de levantar muros de formigón para insonorizar en lugar de humanizar o paso da autoestrada, a gratuidade do tramo Vigo-Redondela ou salvar o complexo mar-industria chegaron ao Congreso grazas á presenza do  BNG.

Durante o encontro, o deputado nacionalista destacou a defensa “coherente e insubornábel” dos intereses da Galiza e da clase traballadora desde a súa toma de posesión no Congreso. Unha voz galega comprometida coa defensa do País desde o primeiro minuto, como se puido comprobar co Acordo de Investidura acadado pola formación do BNG que logrou desbloquear a Axenda Galega após catro anos sen representación do nacionalismo galego na cámara española.

Acto Redondela“O Goberno PSOE-UP non ten ningún interese en cumprir o Acordo de Investidura asinado, mais tamén é verdade que marcou un horizonte claro de actuacións e compromisos coa Galiza que permite á sociedade galega reclamar a súa execución para materializalos en avances concretos” explica o deputado nacionalista.

Mais, alén de desbloquear a Axenda Galega, a organización frentista retomou o traballo institucional na cámara do Estado para continuar a defender os intereses da Galiza. A través das iniciativas rexistradas abordáronse todos os temas que afectan ao noso País e que dependen do Goberno do Estado.

“Reclamamos a modernización das infraestruturas de comunicación do noso País e prestamos especial atención a nosa rede ferroviaria, un medio de transporte sustentábel co medio ambiente e que favorecería o desenvolvemento da Galiza” subliña Rego mentres lembra a oposición do BNG frente os plans do executivo estatal de implantar peaxes nas autovías. Sen esquecer, tampouco, a loita pola transferencia da titularidade da autoestrada AP-9 ou a rebaixa nas súas portaxes, pois o BNG seguirá a traballar para “conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”.

Neste sentido, o deputado lembra as iniciativas rexistradas na cámara baixa para defender os intereses da veciñanza de Redondela. Por un lado os compromisos acadados para a rebaixa das peaxes na AP-9 e a liberación das portaxes no tramo Vigo-Redondela. “Agora o Goberno do Estado segue sen aclarar como vai levar adiante esta gratuidade, nos seguires reclamando que cumpran co acordado, e que retiren as peaxes, non podemos pasar por unha solución que obrigue aos veciños e veciñas a utilizar aparellos de telepeaxe para o pagamento” reivindica Rego.

Por outra banda, destaca o proxecto de humanización do tramo da autoestrada que atravesa a AP-9 por Chapela. “O Ministerio ten que realizar todas as actuacións pendentes como a ampliación do paso elevado de Trasmañó, a reposición da vía paralela á autoestrada e mesmo o paso peonil elevado no camiño de Mouriño co obxectivo de humanizar o tramo enlace Morrazo con Teis” explica o deputado nacionalista. Así mesmo, seguirá a exixir ao Ministerio a retirada do proxecto de construción de muros de formigón como medio para reducir a contaminación acústica que sofren as veciñas e veciños polo paso da autoestrada nas zonas máis habitadas. “Débense instalar pantallas acústicas que sexan lixeiras visualmente, que se integren no entorno, non poden servir para dividir aínda máis o barrio” subliña o deputado.

Así mesmo, o Rego lembra a loita institucional que encabezou o BNG para salvar o complexo mar-industria do País durante o debate da Lei de Cambio Climático no relativo ao artigo 18 -agora artigo 20- onde defendeu a necesidade de regular “con criterio social e ambiental a ocupación do dominio público marítimo terrestre”. A emenda presentada pola formación nacionalista, e rexeitada polos socios de Goberno e polo PP, permitiría manter o previsto no artigo en relación coa ocupación do litoral por actividades agresivas co medio, mais ao mesmo tempo preservar as actividades sustentábeis da costa galega e salvagardar a totalidade dos empregos que, caso contrario, se porían en risco.

Así mesmo, o deputado nacionalista tamén salientou a loita do BNG para exixir unha transición xusta nos concellos afectados polo fechamento das centrais térmicas e pola revisión do modelo de produción de enerxía. “Apostamos por un modelo de produción enerxética que garanta a preservación do noso territorio e o noso medio frente ao espolio das grandes multinacionais, tal e como o estamos a ver agora cos múltiples macroproxectos eólicos que ameazan o noso medio natural, o noso mar e o noso patrimonio” enfatiza Rego durante a intervención.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG