Néstor Rego reclama a Sánchez medidas estruturais e ambiciosas para atallar a crise dos prezos

Néstor Rego
Néstor Rego

Intervención no sector eléctrico, desvinculación do prezo do gas, prezos máximos de electricidade e hidrocarburos, suba de salarios e pensións, aumento das prestacións sociais ou unha reforma fiscal: propostas do BNG

A frente nacionalista reclama ao Goberno que rectifique a posición sobre o Sáhara e apoie as resolucións da ONU para a súa descolonización e a autodeterminación do pobo saharauí

En relación co conflito en Ucraína, o BNG “frente ao belicismo rampante, continúa apostando pola paz e polas vías pacíficas, o diálogo e a negociación, que son as que finalmente se abrirán camiño”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interviu durante a comparecencia do Presidente do Goberno español. Pedro Sánchez, para reclamar medidas máis contundentes para evitar o empobrecemento das clases populares pola actual suba dos prezos. Rego defende medidas urxentes no ámbito fiscal, enerxético, así como o aumento de salarios e pensións- a comezar polas mínimas- e o aumento das prestación sociais. Aliás, o deputado nacionalista demanda que se rectifique a posición sobre o conflito no Sáhara e defende o dereito á autodeterminación do pobo saharauí, tal e como recollen as resolucións da ONU para a súa descolonización.

“O seu goberno vai moi tarde á hora de adoptar medidas que eviten non xa as consecuencias macroeconómicas desta situación senón, sobre todo, o empobrecemento das clases populares, dos sectores máis vulnerables da sociedade” sinala o deputado do BNG, que tamén apunta á falta de determinación e valentía para tomar as decisións realmente necesarias. “Vemos que quedan en medidas conxunturais, que poden estar ben -e, aínda así, algunhas demasiado limitadas- mais renuncian a enfrentar reformas estruturais, que son as que realmente se necesitan, especialmente no ámbito enerxético” explica.

Frente a esta actuación pouco ambiciosa, o deputado do BNG defende a necesidade dunha intervención pública no sector eléctrico para “pór coto aos obscenos beneficios das eléctricas, en 2021 só as 3 grandes, 6.500 millóns de euros mentres millóns de persoas teñen dificultades para pagar a luz”. Tamén destaca a urxencia de camiñar para unha nova regulación do sector eléctrico que acabe co sistema marxinalista e estabeleza os prezos en función dos custos reais de produción. “Crear empresas públicas ou estabelecer unha Tarifa Eléctrica Galega para compensar á Galiza os custos sociais e ambientais da condición de País produtor” enumera.

De maneira urxente, máis aló de desvincular o gas dos prezos no mercado maiorista, a organización nacionalista defende fixar prezos máximos tanto da enerxía eléctrica como dos hidrocarburos. “Xa puidemos comprobar como unha axuda de contía fixa como a que se anunciou, pode ser burlada rapidamente cunha nova suba inxustificada de prezos: o Goberno bonifica 20 céntimos, subimos 30 e gañamos aínda dez máis” subliña Rego.

Aliás, en opinión do deputado do BNG, é imprescindíbel unha revalorización das pensións e salarios –a comezar polas mínimas- e evitar a perda de poder adquisitivo, e tamén o aumento das axudas sociais. O BNG tamén cualifica como “insuficiente” o incremento de 15% do IMV e inxustificado o prazo de tres meses, do mesmo xeito que na limitación a 2% na suba de alugueiros. “É precisa unha reforma tributaria profunda para unha fiscalidade máis xusta e redistributiva. É dicir, que pague máis quen máis ten” reclama o deputado nacionalista.

Ademais, Rego sinala que é urxente levar a cabo “un auténtico plan de rescate dos sectores máis afectados, no caso da Galiza, ademais do transporte, moi especialmente o  agro-gandeiro ou o pesqueiro”.

En relación co conflito na Ucraína, Rego salientou que “frente ao belicismo rampante, o BNG continúa apostando pola paz e polas vías pacíficas, o diálogo e a negociación, que son as que finalmente se abrirán camiño. E esperamos que sexa máis cedo do que tarde, para acabar con tanta dor e tanto sufrimento”

Polo dereito á autodeterminación do pobo saharauí

En canto á cuestión do Sáhara, o BNG reproba claramente a decisión de modificar a posición oficial do Estado español. Para alén de sinalar a hipocrisía que representa que Pedro Sánchez pida o apoio a Ucraína en canto neste caso “se coloca do lado do invasor marroquino”, Rego salienta que isto “supón situarse á marxe das resolucións de Nacións Unidas e dos esforzos por realizar un referendo de autodeterminación que se demora desde que foi acordado hai 30 anos, en 1992, e un proceso de descolonización que debeu producirse en 1975” denuncia o deputado nacionalista.

Para o deputado nacionalista, este cambio de posición “é grave, e debe ser rectificado canto antes”. Fíxose sen consultar o Congreso –“polo que parece nin sequera á totalidade do Goberno”- e, con certeza, “de costas ao sentir maioritario da sociedade e dos pobos do Estado español”.

“Pódolle asegurar que o apoio á autodeterminación do  Sáhara e á independencia da República Árabe Saharauí Democrática é absolutamente maioritaria na Galiza, onde, ademais, moitas institucións se pronunciaron nese sentido” lembra Rego. Entre outras, foi motivo de diversas declaracións institucionais -por tanto, unánimes- do Parlamento de Galiza. Como conclusión e demanda urxente, o deputado do BNG reclama ao Presidente do Goberno que rectifique  e “centre os seus esforzos en apoiar as resolucións da ONU para a descolonización do Sáhara”, e de paso, en reclamar a Marrocos o respecto aos dereitos humanos da poboación saharauí que vive nos territorios ilegalmente ocupados do Sáhara Occidental.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG