Néstor Rego presenta iniciativas no Congreso para que Google e Facebook respecten os nosos topónimos

google
Google Maps
O deputado do BNG exixe ao Goberno do Estado que se dirixa ás empresas que desenvolven e utilizan aplicacións de xeolocalización para utilizar os topónimos oficiais de Galiza. 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar dúas iniciativas (preguntas e Proposición Non de Lei) demandando ao Goberno que interveña diante das empresas que empregan aplicacións de xeolocalización para corrixiren os topónimos da Galiza deturpados e respectaren a forma oficial. Alén do máis, a organización nacionalista reclama que se respecte as distintas linguas oficiais do Estado nas Redes Sociais.

A pesar de existir abundante lexislación que obriga as distintas entidades, tanto públicas como privadas, a empregaren correctamente a toponimia oficial, neste caso a galega, a realidade é que calquera persoa usuaria da internet encontra nos servizos de xeolocalización topónimos deturpados que nada teñen que ver coa versión oficial. 

Empresas como Google, que proporcionan aplicacións de xeolocalización, utilizan termos como “La Coruña, Vivero, Lorenzana, Orense…” que supoñen unha deformación dos nomes de lugar tradicionais galegos. Isto, segundo declara Néstor Rego, “lémbranos a tempos pretéritos en que o respecto polo idioma e a cultura galega brillaban pola súa ausencia”. Así mesmo, non só Google Maps emprega formas incorrectas e alteradas dos topónimos galegos, senón que Redes Sociais como Facebook tamén utiliza versións que “negan realidade legal, cultural e social da Galiza”. 

O deputado nacionalista apunta que a o grande número de usuarios e usuarias destas aplicacións fai que o problema se agrave aínda máis, pois fomenta que se normalicen e se entendan correctas as formas recollidas e que van contra a legalidade toponímica da Galiza. “Estas aplicacións son empregadas por milleiros de persoas que reciben a través das pantallas dos seus teléfonos móbiles unha información que non se corresponde coa realidade da Galiza”.

Neste sentido, Rego reclama ao Goberno do Estado que se dirixa ás principais empresas que desenrolan ou empregan sistemas de xeolocalización, como Google ou Facebook, para que se corrixan os topónimos das cidades, vilas, poboación e lugares da Galiza das súas aplicacións, restituíndoos a súa única forma oficial e xenuína. “Temos que garantir o estrito respecto da nosa toponimia por parte de todos os organismos da Administración do Estado, así como das entidades privadas que a deturpan” conclúe o deputado do BNG.

Nesta orde de cousas, en 2017 o Parlamento Galego aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG para a Xunta se dirixa ao goberno español para as empresas con aplicacións de xeolocalización corrixan os nosos topónimos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG