xerais 2023

Néstor Rego pide o voto ao BNG para poñer fin á discriminación histórica de Galiza

Acto Oleiros
Acto Oleiros

Defende que só un grupo galego forte pode "facer xustiza e plantarlle cara ao trato desfavorábel co noso país"

Confía no apoio das persoas defraudadas co abandono a Galiza de representantes de partidos estatais

O BNG dirixirá a súa acción política no Congreso cun grupo galego forte a acabar coa discriminación histórica que fai que teñamo a pensións máis baixas, que se continúe expulsando ás persoas á emigración, que se perpetúe a crise industrial ou que as infraestruturas sexan peores que o resto do territorio estatal. Así o defendeu o deputado e candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego que pediu o voto en Oleiros para "facer xustiza e poñerlle cara ao trato desfavorábel co noso país no que se alternan os distintos gobernos".

Poñer fin ao déficit inxusto que padece Galiza é un dos principais obxectivos do BNG no Congreso ese foi un dos eixo da súa intervención no mitin de Oleiros no que estivo acompañado pola tamén candidata na eleccións do 23X, Iria Taibo e polo concelleiro Iván Roca.

"Máis investimentos, máis infraestruturas, mellores servizos, apoio ao sector industrial, tarifa eléctrica galega ou aumento das pensións son algunhas das receitas para combater a discriminación histórica de Galiza e son tamén o motivo do noso traballo político no Congreso", sinalou Néstor Rego que destacou que Galiza é un país con grandes potencialidades mais que padece un trato discriminatorio por parte do Estado español. Como exemplo máis claro sinalou que estamos nos postos máis baixos nas pensións de xubilación que van desde os 834 € de Ourense, seguida de Lugo, até os 1484 de máxima, é dicir, 650 euros máis e seguimos sendo un país con forte emigración con 371.637 persoas que abandonaron a nosa terra entre 2009 e 2021, 38% menores de 29 anos.

O deputado nacionalista no Congreso na pasada lexislatura e agora cabeza de lista pola Coruña afirmou que "a experiencia demostra que o BNG foi e é a única forza política que defende os intereses galegos en Madrid, con mans libres e sen ataduras, os intereses do pobo galego". Lamentou por iso que os representantes galegos de partidos estatais "esquezan a quen se deben cando atravesan o Padornelo e voten unha cousa no Parlamento Galego e outra no Congreso" e defendeu a opción nacionalista como "a única que é de fiar, con compromiso firme co noso país, diso xa ninguén dubida e é a nosa mellor carta de presentación"

Explicou así que, nestes catro anos, o BNG conseguiu cun só deputado logros históricos como a baixada da tarifa da AP-9 para persoas usuarias asiduas que teñen gratis a viaxe de volta ou o dragado da Ría do Burgo, unha demanda que levaba pendente máis de quince anos. "Son só dous exemplos que poñen á vista o relevante que é ter representación do BNG no Congreso. Prometemos hai catro anos que se o BNG estaba, Galiza estaba e cumprímolo como se pode comprobar no propio diario de sesións do Congreso", explicou Néstor Rego.

O voto útil, o que vale por dous

Ao respecto, contrapuxo o seu traballo que se contabiliza en máis de 1500 propostas presentadas e máis de 1000 emendas aos orzamentos coa "ausencia absoluta de iniciativas do senador por designación galega Alberto Núñez Feijoo que nin por disimular se molestou en presentar tan só unha, o que dá medida do respecto que lle ten a galegos e galegas".

Repetiu Rego que, como está á vista, o BNG cumpriu, mais "outros foron os que non o fixeron cos acordos tomados e, por iso, agora pedimos un maior apoio para sermos determinantes e condicionar as políticas a favor do beneficio de galegos e galegas".

Por todo isto, afirmou Néstor Rego que o voto ao BNG é "o verdadeiro voto útil, porque é o que defende os intereses galegos con políticas transformadoras e sociais e, por riba, é un voto que vale dobre porque é tamén garantía de freo á dereita e á ultradereita".

"Este país precisa un grupo galego propio porque só con máis forza teremos máis capacidade para defender os intereses de Galiza en Madrid, obrigar ao goberno a cumprir co noso país e ser determinantes para favorecer medida que melloren a vida da galego e galegas", concluíu o candidato do BNG en Oleiros.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG