Néstor Rego: “É necesario pór en marcha medidas que efectivamente permitan controlar e frear a escalada de prezos”

Acto Narón
Acto Narón
O deputado nacionalista desprázase até Narón para explicar as propostas que defende o BNG ante a suba disparada de prezos
Néstor Rego: “É necesario pór en marcha medidas que efectivamente permitan controlar e frear a escalada de prezos”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a voceira do BNG de Narón, Olaia Ledo, manteñen un encontro coa veciñanza da localidade de Narón para informar sobre a actividade política na cámara baixa. Nun primeiro momento, centráronse nas medidas urxentes que propuxo o BNG para paliar as graves consecuencias que está causando a suba disparada dos prezos na economía da Galiza e impedir o empobrecemento das clases populares. Así mesmo, a organización nacionalista traslada o traballo realizado ao longo da lexislatura na defensa dos intereses dos galegos e galegas con centenares de iniciativas rexistradas na cámara baixa.

Durante o encontro, o deputado nacionalista destacou a defensa “coherente e insubornábel” dos intereses da Galiza e da clase traballadora que fai día a día o BNG, tamén no Congreso, dando voz ás necesidades e problemas dos galegos e galegas. “Neste momento unha das principais preocupacións é, sen dúbida, a escalada de prezos que afecta de forma directa ás economías familiares, sectores produtivos e empresas” destaca Rego, “e o BNG trasladou ao Goberno, desde o primeiro momento, unha proposta con medidas urxentes e ambiciosas que deberían de levarse a cabo para controlar e frear a escalada de prezos”.

“O BNG considera urxente abordar unha reforma do sistema fiscal para compensar a perda do poder adquisitivo dos sectores da poboación economicamente máis vulnerábeis e que deben incluír a reforma do IRPF para incrementar a progresividade, e mentres dure a situación de inflación, a deflación da tarifa, tanto estatal como autonómica, evitando a tributación sobre rendementos nominais e non reais” explica Rego.

Tamén propón a incremento no límite de gasto de dietas e locomoción, converter o imposto de sociedades nun imposto progresivo e revisar os impostos de Patrimonio e o de Sucesións e Doazóns. “Resulta imprescindíbel ademais iniciar unha baixada selectiva do IVE en bens e servizos de primeira necesidade como son a alimentación, produtos de hixiene persoal e feminina, transporte público ou os servizos enerxéticos básicos como a luz e o gas” remarca o deputado do BNG.

Acto Narón
Acto Narón

De facto, durante o debate dos Orzamentos, a organización nacionalista “rexistrou emendas para a baixada do IVE en sectores como as barberías e os salóns de peiteado, fornecementos básicos ou produtos de hixiene feminina” lembra o deputado. Da mesma maneira, reclamou a baixada do IVE dos produtos pesqueiros ao superreducido, demanda do BNG que tamén apoian os organismo internacionais.

No que ten a ver co sector primario, un dos que está a ser máis gravemente afectado, o BNG reclama controlar e estabilizar o prezo e mesmo axudas para os sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro. Aliás, reclama que o executivo “garanta o cumprimento das previsións da Lei de Cadea Alimentaria de non poder vender por debaixo dos custos de produción”.

Un dos primeiros servizos que sufriu a alza dos prezos, xa desde 2021, foi o eléctrico, por iso “debe ser un dos sectores prioritarios nos que o Goberno debe actuar”. En opinión do deputado do BNG, hai que comezar pola “intervención pública do mercado para botar man dos beneficios “chovidos do ceo” das eléctricas e o control os prezos para garantir o acceso á enerxía como un ben básico” e que se produce con recursos públicos.

Rego, ademais, urxe desvincular o mecanismo de fixación dos prezos da electricidade no mercado maiorista da evolución do prezo do gas nos mercados internacionais e mudar o sistema de pool. Así mesmo, demanda a rebaixa permanente do IVE de enerxía eléctrica “a 4%, por tratarse dun ben de primeira necesidade e a retirada da factura daqueles conceptos que non están vinculados á xeración de enerxía e que a sobrecargan”.

Sumado a estas medidas no sector eléctrico, o deputado explica que é preciso tamén levar a cabo un “control  do prezo dos hidrocarburos con medidas como a redución temporal dos impostos a estes combustíbeis, así como fixación de prezos máximos para a súa comercialización”. Esta e outras propostas tamén foron trasladadas ao colectivo de transportistas da comarca durante os primeiros días de paróns polo propio deputado nacionalista durante unha visita o pasado mes de marzo.

 

Néstor Rego: “É necesario pór en marcha medidas que efectivamente permitan controlar e frear a escalada de prezos”