congreso

Néstor Rego leva ao Congreso a liberación das patentes da vacina da COVID19

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado do BNG afirma que "ten que primar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos"

A formación nacionalista rexistra iniciativas para reclamar ao Goberno que rectifique o voto en contra na OMC e apoie a eliminación das patentes para avanzar no obxectivo de vacinar toda a poboación mundial frente á COVID-19

Néstor Rego propón que se estableza a incorporación de toda vacina que demostrase a súa seguranza e tivese pasado todos os controis sanitarios.

O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado que rectifique a súa postura e apoie a liberalización das patentes sobre as vacinas, tratamentos e medicamentos da COVID-19. O deputado da formación nacionalista, Néstor Rego, destaca a necesidade de procurar novas vías para a adquisición de vacinas e incorporar todas aquelas que demostrasen ser efectivas e pasasen os preceptivos controis de seguranza. A prioridade para o BNG é a de salvar vidas e por este motivo insta ao Goberno español a negociar con todos os laboratorios e acelerar o proceso de vacinación.

O BNG considera que as Administracións Públicas teñen a obriga de responsabilizarse da saúde da súa poboación. “É impensábel que se externalice a xestión de algo tan esencial neste momento e deixar en mans de empresas privadas as decisións sobre a cantidade e datas de entrega de vacinas, facendo negocio, en lugar de promover unha produción masiva que permita alcanzar a inmunización canto antes” sinala o deputado nacionalista, Néstor Rego. Así mesmo, destaca que se “debe censurar a opacidade coa que se está xestionando todo o referente ás diferentes vacinas e a hipocrisía da Unión Europea que se indigna  co incumprimento das farmacéuticas nas súas entregas mentres que ao mesmo tempo se bloquea a adquisición doutras distintas ou se impide o levantamento das patentes”.

Por este motivo, a organización frentista vén de rexistrar novas  iniciativas no Congreso para o Goberno do Estado rectifique a súa postura e apoie internacionalmente a exención dos Dereitos de Propiedade intelectual relacionados co Comercio proposta no seu día pola India e Sudáfrica. Esta proposición está apoiada por máis de cen países, organizacións sociais e sindicais e ten como obxectivo liberar as patentes relacionadas cos fármacos, vacinas, probas diagnósticas e toda a tecnoloxía que estea relacionada coa COVID-19 mentres dure a pandemia e até que se logre alcanzar a inmunidade de grupo a nivel mundial.

“É preciso e necesario activar todos os mecanismos que permitan unha produción masiva de vacinas, garantindo que a poboación mundial teñan acceso a produtos médicos, de protección, medicamentos e vacinas existentes para loitar contra a COVID-19 e salvar o maior número de vidas humanas posíbeis” destaca Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG