No último trámite do Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel, o deputado do BNG no Congreso denunciou a actuación do Partido Popular que nega o déficit histórico que sofre a Galiza en infraestruturas, sobre todo ferroviarias, e o intento de eliminar o conseguido polo BNG durante a negociación do Proxecto de Lei. Rego sinala que os deputados e deputadas galegas do PP terán que explicar por que negan á Galiza o que o resto de territorios do Estado ten: un servizo de cercanías ferroviarias.
Para o Bloque Nacionalista Galego, a Lei de Mobilidade Sustentábel era unha lei necesaria para avanzar cara un modelo baseado na sustentabilidade do transporte mais, sobre todo, na perspectiva de asentar a primacía do transporte público colectivo. Dentro destas coordenadas foi o traballo do BNG durante a negociación da lei e tendo o ferrocarril como o modo de transporte máis eficiente, eficaz e sustentábel.
Sobre o transporte ferroviario na Galiza
“Conseguimos introducir, a través dun acordo, unha disposición adicional que recolle a necesidade de compensar o déficit histórico que sofre a Galiza nesta materia para a mobilidade diaria. Traducido: para a implantación dun servizo ferroviario de proximidade na Galiza” lembra o deputado do BNG no Congreso. Un aspecto que estaba recollido no Acordo de Investidura mais que entendía como necesario “darlle forza de lei” para axilizar a implantación deste servizo.
O sorprendente, denuncia o deputado nacionalista, é que o Partido Popular introduce no Senado unha emenda “para quitar esa referencia específica á Galiza, deixándoo nunha ambigüidade que fai referencia a todas as Comunidades Autónomas cando estamos falando dunha situación que afecta especificamente ao noso País”.
De facto, recorda Rego, a Galiza é o único territorio que, con áreas urbanas de máis de 600.000-750.000 habitantes que carecen deste servizo a día de hoxe.
“Os deputados e deputadas do PP electos pola Galiza, e os galegos como Feixóo, deberán explicar por que non queren que a Galiza teña servizo de cercanías e por que se empeñan en manter unha emenda que elimina aquilo que conseguiu o BNG” recrimina Rego.