Néstor Rego: “Hai que nacionalizar as grandes eléctricas. A enerxía é un ben esencial e debe estar baixo control público”

Néstor Rego
Néstor Rego

O BNG reclama medidas estruturais, como unha reforma integral do mercado eléctrico, e urxe a reforzar as políticas sociais, como a suba das pensións mínimas e o SMI, en vez de incrementar o gasto militar

O deputado nacionalista chama á desescalada do conflito e a apostar pola vía diplomática, de diálogo e negociación para rematar coa dor e a destrución que a guerra está a causar

“Rectifiquen. Se queren, hai alternativa” afirma Rego, que defende que esta crise non a paguen as clases populares, as traballadoras e os pobos

Durante a comparecencia do Presidente do Goberno, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demandou ao executivo levar a cabo reformas estruturais “imprescindíbeis” como a nacionalización das grandes eléctricas e defendeu a creación dunha empresa pública galega de enerxía e unha tarifa propia como país produtor excedentario. Así mesmo, sinalou a necesidade de aumentar as políticas sociais, en vez do gasto militar, para paliar as consecuencias da crise xerada pola escalada de prezos. Neste sentido, a organización nacionalista reitera a necesidade de apostar polas vías diplomáticas, de diálogo e negociación, para rematar coa escalada belicista que, ademais, está a provocar unha maior dependencia de Europa en relación aos  Estados Unidos e o empobrecemento das clases populares.

“Dicían que non era posíbel un imposto ás enerxéticas, á banca e ás grandes fortunas -tal e como defendía o BNG- até que o foi, aínda que sexan aplicados de maneira parcial e temporal” lembra o deputado nacionalista, que insiste na necesidade de que esta medida sexa permanente.

Para Rego, neste contexto, as medidas estruturais “son imprescindíbeis”. Entre elas, “apostar pola nacionalización das grandes eléctricas porque, se a enerxía é un ben esencial e o sector eléctrico estratéxico, debe estar baixo control público”. Neste sentido, o BNG aposta pola creación dunha empresa pública galega de enerxía e unha tarifa propia  na Galiza como país produtor excedentario de electricidade.

O deputado nacionalista recrimina que o Goberno español estea a vender o tope do prezo do gas no mercado maiorista como un éxito, obviando que “ese tope acabámolo pagando os consumidores e consumidoras pois está sendo repercutindo na factura eléctrica”. Para Rego isto significa “un engano, unha fraude á cidadanía”. Por contra, o deputado do BNG defende “algo tan elemental e eficaz como estabelecer un tope aos combustíbeis e á electricidade aos consumidores finais á conta dos beneficios escandalosos das grandes enerxéticas”, algo ao que até agora se negou o Goberno.

Para a organización nacionalista, ademais, son urxentes outras medidas de carácter social como a suba do Salario Mínimo Interprofesional conforme á inflación e das pensións mínimas. “Falan de subir as pensións máximas, comecen por subir as mínimas como era o seu compromiso e poñan tope á suba dos tipos das hipotecas para evitar un golpe grave a millares de familias” incide Rego.

Renuncia á escalada belicista e aposta polas vías pacíficas

“O BNG ten claro que é prioritario reforzar as políticas sociais no canto de incrementar o gasto militar” defende o deputado nacionalista. Nun contexto de extremas dificultades económicas, destinar máis de 27.000 M€ -xa máis de 2% do PIB- é, en palabras de Néstor Rego, “unha aberración”.

“Renuncien a alentar a escalada belicista dunha Unión Europea cada vez máis subordinada aos Estados Unidos e a unha OTAN que irresponsabelmente anuncia manobras con armamento nuclear e aposten pola vía diplomática, do diálogo e a negociación para pór fin á guerra canto antes” reclama o deputado do BNG, que salienta que se debe facer “por humanidade, para acabar coa dor e a destrución que causa, mais tamén para evitar a ruína dos pobos de Europa que está a provocar este conflito, para maior beneficio do amigo americano”.

En opinión do deputado nacionalista, persistir nunha política errada só pode conducir ao desastre. “O BNG pídelles que rectifiquen. Se queren, hai alternativa” sinala Néstor Rego, que defende que esta crise non a paguen as clases populares, as traballadoras e os pobos “mentres os ricos seguen gañando e as grandes empresas aumentan escandalosamente os seus lucros á conta do sufrimento da maioría”.

Orzamentos que cumpran coa Galiza e as clases populares

Alén do máis, o deputado do BNG considera insuficientes os Orzamentos propostos polo executivo do Estado “tanto do punto de vista social como do investimento para a Galiza”. Rego comprometeuse a traballar para mellorar o proxecto de orzamentos para que “o noso País sexa tratado con xustiza” e exista un desenvolvemento de políticas sociais que permitan paliar a situación xerada pola crise social e económica e a perda de poder adquisitivo. Así mesmo, criticou o baixo grao de execución dos orzamentos anteriores na Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG