O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz municipal do BNG no Concello de Marín, Lucía Santos, valoraron positivamente a aprobación da iniciativa do Bloque Nacionalista Galego na cámara baixa para impulsar o proxecto Abrir Marín ao mar e avanzar na cesión dos espazos portuarios e militares en desuso ou infrautilizados.
Durante a comparecencia, Rego salienta que a aprobación da iniciativa implica “un paso moi importante para facer xustiza coa veciñanza de Marín” e advirte que agora “o Goberno do Estado ten a obriga política de rectificar e porse a traballar”. “Os ministerios implicados, Defensa e Transportes, xa non teñen escusas: deberán impulsar o proxecto para abrir Marín ao mar e facilitar a cesión dos espazos que non cumpren unha función esencial” afirma o deputado nacionalista.
Rego lembra que Marín continúa practicamente fechada ao litoral como consecuencia dos valados do Porto e da Escola Naval Militar, unha situación que cualifica de “anómala e inxusta”. “A recuperación do acceso ao mar non vai en detrimento nin da actividade portuaria nin da Escola Naval, senón que permite aproveitar espazos prescindíbeis para crear zonas verdes, espazos públicos e novas áreas de uso social para a cidadanía” defende.
O deputado do BNG pon en valor que, a pesar da abstención de PP e PSOE, a iniciativa saíse adiante e reclamase explicitamente a cesión gratuíta ao Concello de Marín de terreos e edificacións en desuso, tanto no ámbito portuario como nas inmediacións da Escola Naval Militar. “Agora toca pasar das palabras aos feitos e iniciar os expedientes necesarios” reclama Rego.
Pola súa banda, Lucía Santos destaca o papel do BNG nas Cortes do Estado “defendendo con firmeza os intereses da veciñanza de Marín fronte á inacción do Goberno Municipal”. A portavoz municipal afirma que esta aprobación “demostra que o traballo político constante dá resultados” e insiste en que “é urxente que os espazos abandonados ou infrautilizados revertan na vila”.
Santos demanda especialmente a cesión dos terreos portuarios e militares sen uso efectivo para convertelos en zonas verdes, espazos de lecer e equipamentos públicos. “Outros concellos xa avanzan na recuperación do seu litoral grazas á cesión de espazos estatais; Marín non pode quedar atrás” sinala, ao tempo que reitera que o proxecto Abrir Marín ao mar é unha oportunidade histórica para transformar a vila.
O BNG seguirá vixiante para que o Goberno do Estado cumpra co mandato aprobado no Congreso e non demore máis unha actuación “necesaria, xusta e amplamente demandada pola cidadanía de Marín”.