xerais 2023

Néstor Rego destaca que só o BNG é garantía do fin do atraso histórico nas infraestruturas viarias galegas

Acto Arzúa
Acto Arzúa

Criticou en Arzúa o voto en contra do PSOE e UP ás propostas de mellora da rede de ferrocarril e estradas galegas

Asegura que o BNG aspira a conseguir un grupo galego forte e determinante para a defensa de Galiza en Madrid

O deputado e candidato ao Congreso polo BNG, Néstor Rego, asegurou en Arzúa que só o BNG é garantía de mellora das infraestruturas viarias do país que precisan, de maneira urxente, investimentos para pór fin ao déficit na calidade e seguridade das estradas. O retraso da A-54 Santiago-Lugo que leva máis de vinte anos en construción e os problemas de seguridade na N-547 no tramo Arzúa-Melide son, segundo dixo, dous claros exemplos do abandono do goberno do Estado ás infraestruturas de comunicación galegas.

Nun acto en Arzúa acompañado polo alcalde nacionalista, Xoán Xesús Carril, a representantes do BNG da localidade, Néstor Rego lembrou todas as iniciativas que presentou na pasada lexislativa para a mellora de infraestruturas vitais para o país que bateron co voto en contra dos partidos do goberno, PSOE e Unidas Podemos.

"Foi o BNG quen denunciou, en repetidas ocasións, a lamentábel situación da N-547 e esixiu a urxente mellora mais o voto en contra dos partidos do Goberno impediu que se resolvese un problema grave para o concello e para todas as persoas que transitan por esta vía", sinalou Néstor Rego que lamentou que o goberno non só votase en contra da iniciativa do BNG senón que lle dese as costas ás demandas da veciñanza de Arzúa e Melide.

A corrección do trazado e a mellora da sinalización eran dúas das actuacións que era urxente acometer no tramo Arzúa-Melide pero que o goberno PSOE-UP se negou a financiar. "Estamos nun dos tramos de maior sinistralidade da Rede de Estradas do Estado e a falta de preocupación para solucionar un problema que pon en perigo a vida das persoas é dificilmente explicábel", destacou Néstor Rego arredor dun tramo que pasa polo centro urbano de Arzúa e que conta cunha alta densidade de tráfico que pon en risco as persoas viandantes.

Néstor Rego presentou tamén no Congreso distintas iniciativas encamiñadas a axilizar as obras e finalizar, dunha vez, a construción da A-54 que une Santiago e Lugo que se iniciou hai xa máis de vinte anos. "Precisamos rematar co déficit histórico en infraestruturas e o BNG foi a voz que insistiu nesta lexislatura para conseguir a modernización e mellora tanto das viarias como das ferroviarias porque, para o país, é unha absoluta prioridade para pór fin a unha discriminación máis que evidente", sinala Néstor Rego que tamén demandou no Congreso a construción da liña ferroviaria Santiago-Lugo que tampouco contou co apoio dos partidos do goberno.

“É por todo isto que se demostra que o voto ao BNG é o verdadeiro voto útil, un voto que vale por tres” argumenta Rego, “servirá para defender os intereses da Galiza e de Arzúa, pero tamén para defender políticas sociais avanzadas e frear o avance da dereita e a ultradereita”.

Un BNG determinante no Congreso, garantía de defensa de Galiza

Neste sentido, o candidato do BNG insistiu en destacar que "un grupo galego forte é a única garantía para que os intereses e as necesidades de Galiza se atendan, porque é a voz que só responde a ese obxectivo".

Ao respecto, lembrou Néstor Rego, o BNG logrou desbloquear a axenda galega co seu voto determinante na investidura e, grazas a iso, conseguíronse beneficios para Galiza como os descontos nas peaxes da AP-9 coa gratuidade de volta para as persoas usuarias recorrentes ou a gratuidade do tramo Vigo-Redondela.

"O voto do BNG no Congreso é garantía de defensa dos dereitos e intereses galegos e tamén de políticas transformadoras e sociais e do freo á dereita e ultradereita co cal, é o verdadeiro voto útil", sinalou Néstor Rego que lamentou o voto en contra dos deputados e deputadas galegas a moitas das inicitivas que tiñan como obxectivo actuacións que beneficiarían o país. No ambito das infraestruturas, o PSOE e Unidas Podemos rexeitaron as propostas do BNG para actuacións como a conexión ferroviaria Lugo-Santiago, a electrificación e modernización da liña Ferrol-A Coruña e Ferrol-Ribadeo, o impulso da A-74 na Mariña, ou a finalización da A-54 nos tramos Arzúa-Melide-Palas de Rei. "Foi unha negativa constante a rematar coa discriminación histórica en materia de infraestruturas que padecemos e tamén isto teríano que explicar os deputados e deputadas galegas dos partidos do goberno que votaron en contra das nosas propostas", concluíu o candidato nacionalista.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG