Congreso

Néstor Rego denuncia a incompetencia do PP e “a marea de mentiras”

Néstor Rego
Néstor Rego
“Pasamos dunha marea negra de chapapote a unha marea branca de plástico nocivo, a unha marea de manipulacións e a unha evidente incompetencia do PP”

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, compareceu diante dos medios de comunicación no Senado para denunciar a incompetencia do PP e “a marea de mentiras e manipulacións” noutra catástrofe de contaminación da costa galega con pellets de plástico.

Rego cualificou a política do PP de “absolutamente inaceptábel, de abandono dos concellos” e denunciou a “marea de mentiras e de manipulacións”. Lembrou que “repiten o esquema que puxeron en marcha co Prestige. Primeiro ocultando a catástrofe, sen informar aos concellos, nin ao sector pesqueiro até que os medios empezan a publicalo e teñen que dicir algo. Mais o  que fan é negar a evidencia. Din que descoñecían esta realidade cando o sabían desde o 13 de decembro”.  Censurou a inoperancia de Rueda que antonte aseguraba que “só coñecía esta situación desde o 3 de xaneiro e derivaba a culpa ao Goberno español”.

“Un Goberno do PP que agarda que Madrid lle diga o que ten que facer”

O deputado do BNG foi rotundo: “É falso, é unha mentira e deixa en evidencia a un Goberno do PP que agarda que Madrid lle diga o que sucede na costa da Galiza. Pasamos dunha marea negra de chapapote a unha marea branca de pellets de plástico nocivo. Mais tamén pasamos a unha marea de manipulacións e a unha evidente incompetencia por parte do PP”.

Deixou claro que “por moito que o negue o PP, estamos ante unha grave contaminación do litoral galego por bólas de plástico que inundan o noso ecosistema costeiro e supoñen un grave impacto ambiental, na saúde e na cadea trófica”.

Unha burla á sociedade galega

“Non imos reclamar que Rueda dimita, que debería facelo, imos botalo fóra o 18 de febreiro. Unhas eleccións que tiñan perdidas, mais con esta demostración de incompetencia e de burla do conxunto da sociedade galega van perder o Goberno”. Lembrou que, máis unha vez, a cidadanía está a asumir unhas tarefas que debería ter feito a Xunta.

O parlamentar do BNG asegurou que, unha vez que Rueda aceptou declarar o nivel 2, “imos centrarnos en reclamar que se produza a máxima coordinación e máxima a disposición de recursos  para limpar a nosa costa de plástico e minimizar o impacto”. Explicou as iniciativas presentadas tanto no Congreso como no Senado, entre elas a solicitude de comparecencia da Ministra de Transición Ecolóxica para que informe sobre o dispositivo e a coordinación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG