Xerais 2023

Néstor Rego defende que só o voto ao BNG garante a presenza da Galiza no Congreso

Acto Teo
Acto Teo

A candidata Rosana Pérez lembra que cando o BNG foi determinante conseguiu que os investimentos na Galiza pasasen dun 5% a un 8%

Afirman coa experiencia no Congreso que o "verdadeiro voto útil é o do BNG"

O portavoz no Congreso e cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, defendeu en Teo que o voto ao BNG é o único que garante a presenza de Galiza no Congreso e a defensa só dos intereses galegos. No acto, estivo acompañado da número 2 da candidatura, Rosana Pérez, que lembrou que cando o BNG foi determinante conseguiu que os investimentos para Galiza pasasen de 5 a 8%.

"Que a sociedade galega lle dea máis forza ao BNG nas vindeiras eleccións significa darlle máis forza a Galiza e iso dicímolo coa lexitimidade de ter cumprido co que prometemos", apuntou Néstor Rego no mítin de Teo no que fixo gala do traballo desenvolvido nos tres anos e medio no Congreso,  un tempo en que se converteu na "única voz de Galiza fronte á procesión dos caladiños do resto dos deputados e deputadas que estaban alí cos votos galegos".

Traballo feito, dixo Néstor Rego, cun balance que demostra que foi en Madrid non só a voz que defendeu os intereses galegos senón que tamén impulsou política sociais avanzadas e de recuperación de dereitos e converteuse nun muro de contención fronte á dereita e á extrema dereita.

Acto Teo
Acto Teo

Entre os logros, o candidato nacionalista destacou o acordo que propiciou que as persoas usuarias habituais da A9 paguen a metade, ou os compromisos de dragaxe da Ría do Burgo, da conexión co Porto Exterior da Coruña, a modernización e electrificación da liña Lugo-Monforte ou a intervención para salvar o estaleiro de Barreras en Vigo, conseguidos polas actuacións do BNG. Na lexislatura que chegou agora a seu fin, o deputado nacionalista presentou máis de 1500 iniciativas e máis de 1000 emendas aos orzamentos e a outras leis como a da pesca sustentábel na que se conseguiron importantes logros para o sector galego.

Por todo isto, Néstor Rego repetiu en Teo que o do BNG é o "voto verdadeiramente útil" fronte ao de outras opcións que dixeron non a propostas que defendían políticas sociais e beneficios para Galiza. "Cando reclamamos unha fiscalidade xusta e distributiva con impostos á banca, ás enerxéticas ou ás grandes fortunas porque moita xente o está pasando mal dixeron que non era posíbel até que finalmente tiveron que aprobalos aínda que de forma temporal.. nós quixemos que foran permanentes e as forzas chamadas progresistas volveron dicir que non", explicou.

"O que demostraron os deputados e deputadas galegas é que cando pasan o Padornelo votan en Madrid o contrario do que din defender na Galiza, por exemplo rexeitando a transferencia dos dous centros do Instituto de Oceanografía ou esa demanda histórica que é a transferencia da AP9 que nós defendemos", afirmou Néstor Rego no acto de Teo en que defendeu o interese de votar BNG nas vindeiras eleccións, para garantir a defensa de Galiza e de políticas realmente sociais.

Para o deputado nacionalista, o vindeiro 23 de xullo "hai moito en xogo e é preciso optar polo voto útil, o do BNG que pon os problemas galegos enriba da mesa e busca solucións".

Un voto que vale por tres

Pola súa parte, a candidata número dous pola Coruña, Rosana Pérez defendeu que o voto ao BNG multiplícase por tres. "En primeiro lugar porque é o único que garante a defensa dos intereses de Galiza en Madrid, en segundo, porque é o que realmente frea á dereita cavernícola que conseguimos que non tivesen representación nas eleccións galegas e agora ímolo facer de novo e, por último, porque significa non estar baixo as ordes de ninguén, co compromiso só con Galiza", explicou na súa intervención na que tamén engadiu que, de conseguirmos ser decisivos nun panorama sen maiorías, "poderíamos condicionar aínda máis a política estatal na defensa dos intereses galegos".

Neste sentido, Rosana Pérez que foi deputada no Congreso, lembrou cando, coa presidencia de Zapatero, o BNG foi determinante e coincidiu que os investimentos na Galiza pasasen dun 5% a un 8% superando os 2.000 millóns de euros. "Esta situación pode volver a darse nestas eleccións e, non temos dúbida, canta máis forza teña o BNG, mais benestar e orzamentos podemos acadar para Galiza", defendeu Rosana Pérez. 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG