Xerais 2019 (10N)

Néstor Rego chama a concentrar o voto "en chave galega" no BNG

Acto Rianxo
Acto Rianxo
No mitin de Rianxo, o primeiro da campaña, o candidato nacionalista fixo un chamamento  ás persoas "defraudadas polo silencio dos outros grupos políticos en Madrid, non vale levar o acento"

O de Rianxo desenvolveuse o primeiro mitin político do candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego que aproveitou para pedir ás persoas "defraudadas co silencio de deputados e deputadas dos outros partidos en Madrid" que aposten pola defensa dos nosos intereses e voten "en chave galega". Chamou así a concentrar o voto no BNG, a única forza galega que se presenta a estas eleccións. A ex-deputada Rosana Pérez e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños interviron tamén no acto. 

Despois de participar nun reparto na Feira de Santos de Betanzos pola mañá, acompañados de membros da formación nacionalista na localidade, o candidato do BNG ás eleccións do 10N, Néstor Rego, interveu no mitin de Rianxo no que defendeu a "utilidade" do voto da que é "a única forza política galega que se presenta e, polo tanto a que responde ao voto en chave galega".

O BNG será, dixo, a voz "que saque da afonía" o noso país, a que represente os seus intereses, como leva demostrado até agora onde se deciden temas importantes para o país e para a defensa dos dereitos sociais. "Cada día son máis as persoas que chegaron á conclusión  de que as forzas españolas non nos representan  sinxelamente porque cando puideron facelo non o fixeron. Elas propias abdicaron da responsabilidade de defender os intereses do noso País e do pobo traballador galego", sinalou Rego para quen a historia recente está chea de deputados e deputadas que chegaron ao Congreso con votos galegos e que "traizoaron os intereses de Galiza unha e mil veces, que esqueceron os nosos problemas e necesidades e que votaron ao ditado do que lles dicían en Madrid, sen teren en conta os nosos problemas".

Dirixiuse así a aqueles millares de galegas e galegos que co engano do voto útil votaron partidos da esquerda española e logo "comprobaron con decepción como foi un voto absolutamente perdido e inútil para este país e para realizar políticas transformadoras" para convidalas a "concentrar o voto en chave galega no BNG"

A esperanza, o BNG

"O BNG nunca fallou nin nunca fallará a este País. Podedes confiar en nós sen dúbidas para defender con decisión os dereitos sociais, os investimentos, os postos de traballo, salarios e pensións dignas o dereito a pescar, ater unha industria sólida, a producir e non ter que emigrar", sinalou Néstor Rego.

O candidato nacionalista apelou así a todas as persoas que queiran un futuro mellor para o noso país que confíen e voten "como un acto de orgullo e de rebeldía, para facer valer este noso País dunha vez por todas". "Non abonda o acento galego, é preciso unha voz sólida e comprometida que defenda os nosos intereses, que se identifique coas necesidades das galegas e galegos", sinalou.

Neste sentido, a ex-deputada Rosana Pérez, relatou algúns dos momentos da súa experiencia no Congreso en que a presenza do BNG foi crucial para defender os dereitos do país. "Alí, cando había algún tema sobre o noso país e querían consultar coas "galegas" sempre eramos nós, e iso que había moitos deputados e deputadas doutros partidos, mais, as que todo o mundo recoñecía como "galegas" eramos eu Olaia Fernández Davila, as dúas deputadas do BNG naquel entón", dixo.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños defendeu a necesidade de termos voz en Madrid con casos concretos como a iniciativa de Francisco Jorquera pola que en 2007 se conseguira incluír nos orzamentos do estado unha partida de 700.000 euros para a recuperación dos cantís de Tanxin a Punta Fincheira. Nas propostas, defendeu a necesidade de achegar orzamentos para proxectos como a restauración do Pazo do Martelo ou a finalización da casa de Rafael Dieste, abandonado cando Rajoy foi presidente.

Un futuro para a nosa pesca

En Rianxo, o candidato nacionalista criticou a "política nefasta tanto de Bruxelas como do goberno español e galego" que reduce e destrúe a nosa capacidade pesqueira. "O BNG deu a cara pola frota galega e ímolo seguir facendo. Ese é o noso compromiso. Fixémolo con numerosas iniciativas no Parlamento Galego, no Congreso -alí Rosana Pérez deu a cara polo xeito- como o fixo Ana Miranda no Parlamento europeo, arroupada polo alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños. Mais tamén na rúa, mobilizándonos cando fixo falta para denunciar o inxusto reparto de cota". 

Criticou que desde un despacho de Madrid "sexa desde onde se decida como e canto podemos pescar cando descoñecen os nosos problemas e as nosas solucións" e defendeu a urxencia dunha "voz galega que defenda con firmeza os intereses do noso sector pesqueiro, que apoie o xeito e a pesca artesanal e exixa, dunha vez por todas, que se exclúa das cotas europeas".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG