Néstor Rego: “O BNG condena a intervención militar rusa na Ucraína e chama á desescalada do conflito”

play_arrow Intervención completa de Néstor Rego sobre a guerra de Ucraína.

A organización nacionalista reclama ao Goberno do Estado apostar polas vías pacíficas e diplomáticas, mantendo unha postura de neutralidade activa, retirando os efectivos militares da zona e renunciando a enviar armamento ofensivo a Ucraína.

O BNG defende a retirada das tropas rusas, a soberanía de Ucraína, o cumprimento dos compromisos internacionais, comezando polo Protocolo de Minsk e o respecto á vontade popular do Donbass.

O deputado do BNG, Néstor Rego, defendeu, durante a comparecencia do Presidente do Goberno do Estado, a necesidade de optar polas vías pacíficas e diplomáticas á hora de resolver o conflito entre os estados. Rego exixiu a retirada de tropas rusas do territorio da Ucraína e que o executivo español manteña unha posición favorábel á desescalada do conflito a través da neutralidade activa, a retirada de efectivos militares e a renuncia a enviar calquera tipo de material bélico.

“É absolutamente falso o vello aforismo latino Si vis pacem para bellum e sabemos que a solución a este conflito non é fácil mais tamén que só se pode partir dun principio. Se  vis  pacem para pacem. Pola paz, non á guerra” enfatiza Rego. O deputado nacionalista condenou a intervención militar rusa na Ucraína e exixiu parar os combates e retirar as tropas ás súas fronteiras.

Paralelamente, a organización nacionalista defende a soberanía da Ucraína e expresa a súa solidariedade co pobo ucraíno “que nos últimos anos sufriu un golpe de Estado, a violencia política, a persecución da disidencia, o enfrontamento armado e os bombardeos no Donbass e, agora, as dramáticas consecuencias humanas, sociais e económicas da guerra lanzada pola Rusia. Lamentamos a perda de vidas e o sufrimento que todo isto provoca” subliña o deputado nacionalista.  

“Hoxe escoitamos forzas políticas rexeitar esta guerra, tamén aquelas que apoiaron e mesmo implicaron o Estado español en guerras -como Iraq, Libia ou Afganistán- que só respondían os intereses económicos e xeoestratéxicos do imperialismo norteamericano” denuncia Rego. Por contra, o BNG mantén con coherencia a súa posición pacifista, favorábel ás vías diplomáticas e pacíficas á hora de resolver os diferendos entre estados.

A organización nacionalista criticou desde o primeiro momento a escalada belicista da OTAN, “unha organización militar agresiva ao servizo de intereses que non son os dos pobos de Europa” e que carece de sentido desde unha perspectiva de paz e boa relación entre Estados. “O que debe facer a OTAN non é xerar máis tensión fortalecéndose e  expandíndose cara o leste, senón simplemente disolverse e desaparecer” sinalou Rego.

“Reclamamos ao Goberno español unha posición favorábel á desescalada, que comece por retirar os efectivos militares enviados ao leste e que renuncie, desde a neutralidade activa, a botar máis leña ao lume nun conflito que, se continúa escalando, pode ter consecuencias imprevisíbeis” destaca o deputado nacionalista. Rego criticou o anuncio de Sánchez de enviar armamento ofensivo, obviando a prohibición de fornecer material bélico a países en conflito, unha decisión “irresponsábel” e unha “triste ironía” empregar 450M € do chamado “Fondo Europeo para a Paz” para alimentar unha guerra.

Rego concluiu a súa intervención afirmando que “quen quere a paz traballa por ela”. Por iso o BNG insiste en reclamar a negociación no marco da ONU e a  OSCE, a retirada inmediata de todas as forzas rusas de Ucraína e o respecto á súa soberanía, a observación por parte deste País dos seus compromisos internacionais, comezando pola volta ao cumprimento do Protocolo de  Minsk e o respecto á vontade dos pobos do  Donbass, das repúblicas de Donets e Lugansk e crear un clima de estabilidade e seguridade en toda a rexión.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG