Congreso

Néstor Rego anuncia en Ordes o Plan para a mellora da seguridade viaria nos tramos de alta sinistralidade da N-550

Encontro Ordes
Encontro Ordes

No Acordo negociado polo BNG para a investidura, contémplase un Plan plurianual 2024-2028 para levar a cabo actuacións urxentes na rede viaria, entre elas na N-550  

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, visitou Ordes para destacar unha das medidas en materia de seguranza viaria contempladas no Acordo negociado polo BNG para a investidura e que beneficiará aos veciños e veciñas de Ordes.

“Incluímos un Plan plurianual 2024-2028 para efectuar actuacións urxentes na rede viaria galega, nomeadamente nos tramos de concentración de accidentes como é o caso do tramo da N-550 situado entre o punto quilométrico 26,8 e 36,9, á altura de Ordes. Un dos máis perigosos da rede de estradas do estado segundo o informe de EuroRAP do ano 2020”, sinala Rego.

A veciñanza de Ordes ten dereito a conducir segura

“Somos conscientes do problema e da necesidade de que os veciños e veciñas de Ordes poidan circular con todas as garantías e seguridade por unha estrada de uso frecuente. Igual que sucede noutras vías de Galiza, tamén incluídas. Acordamos un Plan que ten por obxectivo acabar cos puntos negros e dar tranquilidade aos condutores”, engadiu.

Explica que unha das causas que inflúen na elevada sinistralidade neste tramo que  discorre por completo polo municipio de Ordes, é a alta velocidade á que circulan os vehículos na rotonda que enlaza a N-550 coa AC-542 en dirección Betanzos.

Unha boa noticia para o municipio

“O BNG levou este problema en diversas ocasións ao Congreso e trasladou ao Ministerio unha das solucións que se propoñen na comarca consistente na reforma da rotonda para aumentar as súas dimensións e obrigar a reducir a velocidade do tráfico que accede á glorieta que enlaza a N-550 co Polígono industrial de Merelle e coa AC-409. Pódense adoptar distintas medidas como a mellora da rotonda,  medidas destinadas ao calmado do tráfico e a reforma do trazado”, indicou o deputado do BNG.

“Independentemente da solución que se adopte, a boa noticia é que está contemplado no Acordo logrado polo BNG e existe un compromiso do Goberno para levar a cabo as obras necesarias destinadas a eliminar este punto negro”, concluíu.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG