Xerais 2023

Néstor Rego anima a votar BNG para que o 23X sexa un día histórico para Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

"Está na nosa man ter un grupo galego forte", afirmou o candidato nacionalista para quen "é necesario confiar en nós para que o noso país conte en Madrid"

Chamou a votar "con confianza" ás persoas defraudadas cos partidos con sede en Madrid

O portavoz e candidato ao Congreso pola  Coruña do BNG, Néstor Rego, pediu en Culleredo que o vindeiro 23X se vote "con confianza, co convencemento de que temos dereito e podemos ter voz propia e forte en Madrid". Considerou Rego que estas eleccións poden ser "históricas" para o BNG e para Galiza se os galegos e galegas apostan por quen "vai defender os seus intereses sen máis dependencias".

Néstor Rego participou nun acto de campaña en Culleredo convencido de que estes últimos días son clave para trasladar ao electorado a idea de que é posíbel conseguir un grupo galego forte no Congreso, que defenda os dereitos do noso país, como acontece cos grupos vasco e catalán que, tendo máis forza, conseguen ser determinantes nas negociacións políticas. "Demostramos que cun só deputado  podemos conseguir grandes logros para Galiza e agora queremos contar cun grupo galego forte e demostrar que non somos menos que vascos e cataláns, que Galiza tamén pode ter representación propia ampla", sinalou Néstor Rego.

Para iso, apuntou, é preciso non deixarse levar "polas mensaxes que se queren impoñer e que buscan confundir ao electorado invocando o voto útil e chamando ao que definen como non perder o voto". Aí o deputado nacionalista na última lexislatura foi contundente ao afirmar que "o verdadeiro voto útil é o do BNG que vale por dous, para defender o país con políticas sociais e transformadoras e para facer fronte á dereita e ultradereita" e, engadiu, "o voto que se perde é o dos deputados e deputadas que chegaron ao Congreso cos votos conseguidos en Galiza e non teñen ningún problema de votar en Madrid contra os nosos intereses".

Neste sentido, fixo unha enumeración das iniciativas do BNG que non contaron co apoio do deputado e deputadas como propostas de mellora de infraestruturas viarias e ferroviarias tan necesaria para paliar o déficit histórico ou a tarifa eléctrica galega que suporía non só o abaratamento das facturas eléctricas domésticas senón un pulo de especial relevancia para o sector industrial. "Cando fomos determinantes conseguimos a rebaixa histórica da AP-9 que pasou a ser gratuíta na volta para usuarios asiduos ou o dragado da Ría do Burgo... é preciso que teñamos maior forza para que, nun horizonte sen maiorías, a nosa voz pese e podamos defender e conseguir beneficios que revertan na mellora de vida dos galegos e galegas",  sinalou Néstor Rego.

Acto Culleredo
Acto Culleredo

Votar con dignidade e confianza

Asegurou tamén dous temas que o electorado ten que ter presente nas vindeira eleccións á hora de emitir o seu voto. A primeira é que os deputado e deputada do BNG serán un muro de contención para a dereita e ultradereita, para que non gobernen con políticas involucionistas e, a segunda, que, como se demostrou nas eleccións anteriores, o BNG vai superar as enquisas e pode estar disputando neste momento varios escanos ao PP. "Podemos facer historia mais, para iso, é necesario termos confianza en nós, pensar que non temos que ser menos, que podemos defendernos e ter orgullo de sermos galegos e galegas", apuntou Néstor. Convidou así a non deixarse enganar por mensaxes do medo e da impotencia e mudar o sentido de voto para facelo con "convencemento, orgullo e dignidade".

Con máis de 1500 iniciativas presentadas e máis de 1000 emendas aos orzamentos, deixou claro o candidato pola Coruña que "non houbo problema en Galiza que non chegase ao Congreso a través do BNG e, aínda máis, podería dicir que esas iniciativas son a radiografía dos principais temas que afectan ao noso país e, por iso, somos a mellor ferramenta par poñerlle solución", segundo dixo en Culleredo.

A menos dunha semana das eleccións, Néstor Rego destacou que o BNG ten posibilidades claras de conseguir por vez primeira un grupo galego forte con representación nas catro provincias galegas polo que insistiu na necesidade de "non deixarse ir, convencer de que é posíbel e está na nosa man conseguilo e deixar claro que os galegos e galegas teñen moito que gañar cunha voz propia poderosa en Madrid".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG