Xerais 2023

Néstor Rego afirma que Galiza "ten moito que gañar cun grupo galego forte no Congreso"

Xesús Gómez, Néstor Rego e Raquel Suárez
Xesús Gómez, Néstor Rego e Raquel Suárez

Afirma en Boiro que máis BNG en Madrid é garantía de defensa dos dereitos e intereses galegos

O candidato pola Coruña anima a votar en clave galega porque "de nós depende ter voz propia ou perpetuar a discriminación histórica"

O candidato e portavoz do BNG pola Coruña, Néstor Rego, insistiu no acto público que se desenvolveu en Boiro en que un grupo galego forte en Madrid é garantía de defensa dos dereitos das galegas e galegos e a mellor barreira fronte á dereita e ultradereita. O 23X, dixo, "temos a oportunidade de mostrar que confiamos nas nosas posibilidades e temos orgullo para poñer fin á discriminación histórica que padecemos".

"Esta na nosa man, podemos conseguilo e debemos confiar nas nosas propias forzas", dixo Néstor Rego nun acto en que animou a votar BNG como única garantía para que en Madrid se escoite a voz e se defendan os dereitos dos galegos e galegas con políticas transformadoras que melloren a vida da maioría.

Para quen dubida aínda e quere ter certo que o seu voto vai ser un freo para un goberno de extrema dereita, Rego aseguroulles que "poden ter a certeza que o BNG é o verdadeiro muro de contención contra a ultradereita... non só porque faremos todo o que estea na nosa man para que non goberne senón tamén porque defendemos con todas as forzas os dereitos sociais e as liberdades públicas, as políticas verdadeiramente sociais e transformadoras están no no noso programa electoral", explicou en Boiro.

Ademais, o candidato pola Coruña utilizou outro argumento para animar a apoiar o BNG, o voto dobre xa que, ademais, "é a única forza que ten como obxectivo prioritario traballar para a mellora de Galiza, para poñer fin á discriminación histórica e avanzar en dereitos mais tamén en investimentos". Lembrou así que, cando o BNG foi determinante conseguíronse os maiores orzamentos para Galiza, coa cantidade máis alta para investimentos cos 2000 millóns de euros que se consignaron nos orzamentos do 2008, 2009 e 2010, "este é, sen dúbida, o único voto útil, o que trae beneficios para o noso país".

Máis de 1500 iniciativas presentadas e 1000 emendas aos orzamentos na anterior lexislatura marcan, segundo apuntou o que foi voceiro o "mapa dos problemas e das solucións que precisa Galiza e foi o BNG quen o levou ao Congreso a maior parte das veces coa oposición ou mesmo coa indiferenza dos deputados e deputadas galegas".

Cun só deputado, conseguíronse logros para Galiza mais é preciso, segundo apuntou "un grupo galego forte para que se cumpran as promesas, para asegurar que se aproben iniciativas para mellorar a vida de galegos e galegas, para ter unhas infraestruturas viarias e ferroviarias do século XXI, para reverter a crise industrial, acabar co espolio eléctrico ou garantir dereitos laborais e pensións dignas que precisamos".

Neste sentido, citou tamén dúas propostas do  BNG que foron adiante destinadas a traballadores e traballadoras do mar como é o dereito a voto para as persoas embarcadas e o catálogo de enfermidades profesionais, até agora non recoñecidas, ademais de emendas lexislativas imprescindíbeis para garantir o futuro do sector industrial vinculado á pesca. "Fomos e podemos dicilo con orgullo, a voz de Galiza en Madrid, sen máis dependencias, coas mans libres para defender os nosos intereses como país e iso dános lexitimidade para pedir agora máis apoio, para facer valer Galiza, para que se cumpran os acordos, para sermos determinantes nun horizonte sen maiorías absolutas, está claro... neste 23X Galiza ten moito que gañar", afirmou Néstor Rego.

Convidou así a exercer o voto "en clave de país, de nós depende ter voz propia ou perpetuar a discriminación histórica" e sinalou que, segundo os datos que manexan, o BNG está neste momento disputando varios escanos co PP co cal, unha vez máis, a situación actual é "canto máis BNG, menos PP-VOX".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG