O nacionalismo galego emenda a Lei de plans de pensións de emprego por privatizadora

Encontro CIG
Encontro CIG

CIG e BNG presentan publicamente as emendas rexistradas pola organización nacionalista no Congreso a este texto lexislativo e que pretenden garantir a xestión do fondo dentro do ámbito público.

Rego: “Todos os recursos e mecanismos públicos deben camiñar para reforzar o sistema público de pensións”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén unha reunión co Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, e o Secretario Confederal de negociación colectiva da organización sindical, Francisco X. González Sío, para presentar de forma pública as emendas presentadas ao Proxecto de Lei de impulso dos plans de pensións de emprego. Ambas organizacións alertan de que isto supón avanzar na privatización do sistema público de pensións por parte do executivo estatal, e reforzan a necesidade de exercer presión social para que impedilo. Avanzan as emendas rexistradas ao Proxecto de Lei co obxectivo de evitar a dinámica de privatización das pensións.

Este Proxecto de Lei fai parte do proceso de reforma das pensións que está a levar a cabo o Goberno do Estado, e vai en correlación coa aprobación da non Reforma Laboral que mantén os aspectos máis lesivos das reformas de PSOE e PP. Previamente, lembrou o deputado do BNG, xa houbo unha reforma das pensións que tamén consolidaba o empeoramento das condicións introducidas pola reforma de 2011 e adiantaban outras dúas medidas: a creación dos fondos de emprego e a posibilidade dun novo período de cálculo de 25 para 35 anos. Isto suporá a caída das pensións en 15-20%.

“Nesta propaganda que venden como progresista entra a creación de fondos de pensións que pretende estender un sistema de pensións mixto, semi privado, para que o sistema público de pensións pase a ser o complementario e o sistema privado sexa o fundamental” enfatiza Rego. As pensións públicas pasarían a ser un apoio para as persoas que tivesen unha menor prestación: “esta é a pretensión final do proxecto e, tanto o BNG como a CIG, rexeitamos desde o primeiro momento porque entendemos que é unha forma de privatizar as pensións”.

De facto, o BNG xa presentara unha emenda á totalidade de devolución do proxecto porque entenden que “todos os mecanismos públicos teñen que camiñar na dirección de fortalecer o sistema público de pensións”. Este novo fondo vinculado á negociación colectiva, supón diferir parte do salarios das e dos traballadores para un plan colectivo de xestión privado e, polo tanto, sairá dos salarios da clase traballadora. “Xusto entra para o seu debate nun momento de crise económica, con enormes dificultades neste momento, e supón estabelecer un mecanismo de diferenciación entre os propios traballadores e traballadoras de diferentes sectores” salienta Rego.

“Parécenos inaceptábel que o propio Goberno do Estado anuncie que incentivará este tipo de plans de pensións” recrimina o deputado do BNG. Así mesmo, alerta da entrada do sector bancario para a administración destes plans de pensións.

No relativo ás emendas parciais, Rego ten como obxectivo “evitar esa dinámica de privatización” que pretende o executivo estatal. Por exemplo, emendas para que este fondo sexa xestionado directamente pola Tesouraría da Seguranza Social “en lugar de apostar por darlle esa xestión ás entidades financeiras privadas e aos bancos como axentes que xestionen estes plans de pensións de emprego”. 

En segundo lugar, a organización nacionalista demanda que os cartos se depositen nunha entidade pública. “Falamos do ICO porque lamentabelmente no caso do Estado español houbo un proceso de privatización das entidades bancarias e, polo tanto, este organismo é o que pode facer esa función” destaca Rego lembrando tamén q reivindicación do BNG de impulsar unha Banca Pública Galega.

Por último, Rego destaca as emendas rexistradas ao Proxecto de Lei co obxectivo de que poida existir un control público da xestión destes fondo en vez de crear novos mecanismos. “Xa existen mecanismos tripartitos neste momento, garantindo que os sindicatos tamén poidan participar destes fondos de pensións de emprego” reivindica.

“Reafirmámonos na necesidade de reforzar o sistema público de pensións posto que é o único mecanismo igualitario, así como na necesidade de mellorar e recuperar a idade de xubilación aos 65 anos, a xubilación voluntaria a partir dos 60 anos sen penalización ou a partir dos anos legais cotizados” enumera o deputado do BNG. Rego espera que exista a suficiente presión social para que o Goberno de PSOE e UP recúen na súa pretensión de privatizar o sistema público de pensións.

O secretario xeral da CIG, que agradeceu ao BNG ter presentado este paquete de emendas, rexeitou a pretensión do goberno do PSOE e Unidas Podemos de introducir ese sistema mixto público-privado porque ten como obxectivo último ir “borrando” o sistema público de pensións e substituílo por un “sistema de capitalización”.

Carril encadrou este novo sistema que se pretende implantar, no mesmo saco que o chamado Pacto de Rendas e o Acordo Estatal de Negociación Colectiva que, denunciou, “teñen como obxectivo a moderación salarial” nun contexto de enorme carestía da vida e coa inflación disparada.

Neste sentido advertiu que vai supor un “enorme retroceso nas condicións de vida e impedir un final de vida cunha pensión digna”. Máis en Galiza, que ten a segunda pensión media máis baixa do Estado, en 1.057€, pero cunha fenda maior coas provincias do interior, nomeadamente Ourense que, cunha pensión media de 800€, está á cola de todo o Estado e Lugo, onde non chega nin aos 1.000€.

O secretario xeral da CIG alertou, por iso, do enorme impacto que terá esta reforma que se pretende acometer e afirmou que con ela preténdese atender a “unha das exixencias da UE para acceder aos fondos Europeos”.

Acusou aos sucesivos gobernos no Estado de ir “desmantelando o estado de benestar” e de o ir substituíndo por outro “moi inxusto” no que se van eliminando todos os elementos de redistribución.

Considerou que se pretende deixar o sistema público de pensións como un sistema “asistencial, de beneficencia” e que os ingresos principais procedan dese fondo privado. Lembrou que cuns salarios empobrecidos, a clase traballadora xa está contribuíndo á Seguridade Social e denunciou que o que se pretende é “que cobremos menos para contribuír a ese privado”.

Negociación colectiva

O Proxecto de Lei de Promoción dos Fondos de Pensións de Empresa contempla que sexa a través da negociación colectiva como se vaia implantando nas empresas. Un mecanismo que puxo en cuestión Paulo Carril pola grande estratificación e a precariedade laboral que hai en amplos sectores da clase traballadora en Galiza. Sectores aos que moitas veces “non somos capaces de chegar”, o que impide que teñan bos salarios e, moito máis, boas pensións.

O secretario xeral da CIG rexeitou tamén que as entidades depositarias e xestoras deste Fondo sexan do sistema financeiro, do que lembrou o seu papel como causante da crise financeira de 2008. Por iso apostou porque saian adiante as emendas canalizadas polo BNG para “impedir e reducir á mínima expresión esta ameaza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG