parlamento galego

Montse Prado: “A Xunta debe rematar coa anomalía que supón POVISA e incorporalo á rede pública do Sergas”

Montse Prado
Montse Prado

A portavoz de Sanidade denunciou a situación deste hospital “é o maior hospital privado de Galiza, pero que vive da sanidade pública”

Prado lamentou “que o PP poña as portas xiratorias por diante das explicacións de onde invisten os cartos”, en referencia ao caso da que fora directora financieira de Povisa os últimos 25 anos, hoxe número tres da candidatura do PP na cidade de Vigo

O BNG demandou no Parlamento coa anomalía “que supón prestar atención sanitaria a miles de galegos e galegas nun hospital privado”, criticou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, que emprazou ao Goberno do PP a recuperar para o público este hospital, “e que así doentes e persoal deixen de ser reféns permanentes da empresa, garantindo o dereito a recibir unha atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade”, remarcou.

“Cada día está máis clara a estratexia do PP de poñer en mans do capital privado alleo a sanidade pública galega, o que mina o nosos sistema sanitario”, recriminou a portavoz de Sanidade á bancada Popular, emprazando Povisa “como un claro exemplo deste modelo asentado no lucro privado é a área sanitaria de Vigo”.

Prado acusou ao Goberno do PP “de condicionar a área Sanitaria de Vigo reducindo as camas, servizos e prestacións do hospital Álvaro Cunqueiro e infrautilizando outras infraestruturas como o hospital Meixoeiro”, algo que relacionou co “interese” do PP para seguir mantendo “un concerto multimillonario co hospital Povisa e garantir a súa dependencia da sanidade privada”, argumentou.

A portavoz de Sanidade detallou como o hospital Ribera-Povisa “é o maior hospital privado de Galiza, pero que vive da sanidade pública” xa que, detallou, “o 80% da súa facturación anual de máis de cen millóns de euros, son con cargo aos impostos que pagamos as galegas e galegos”, criticou, o que acusou de ser “o concerto máis caro non só de Galiza, senón de todo o Estado”, que presta atención a máis de 130.000 veciños e veciñas da área sanitaria de Vigo, “un concerto ao que se lle engade outra moita facturación de Povisa con cargo aos fondos públicos”, explicitou.

Prado aproveitou tamén para lamentar “que o PP poña as portas xiratorias por diante das explicacións de onde invisten os cartos”, en referencia ao caso da que fora directora financieira de Povisa os últimos 25 anos, hoxe número tres da candidatura do PP na cidade de Vigo

Malia “o enorme transvase de recursos públicos” a Xunta non ten actuado para comprobar a calidade asistencial que están a prestar aos doentes da sanidade pública que atenden, “nin diante da vulneración constante dos dereitos laborais do seu persoal, que levan padecendo dende fai anos”, recriminou a deputada do BNG, en alusión á conxelación do convenio colectivo dos e das traballadoras de Povisa, que rematou hai 13 anos, o 31 de decembro de 2010.

A portavoz de Sanidade esixiu ao Executivo do PP “a que non eluda as súas responsabilidades, porque ten que deixar de actuar como comercial dos propietarios dese centro sanitario”, en referencia á actitude duns Populares “que permitiron durante anos ao anterior propietario de Povisa, Silveira facer o que lle deu a gana para actuar con cartos públicos e sacar beneficios do hospital coa renegociación do concerto e perdoándolle o pago da factura farmacéutica”.

Isto supuxo para a deputada do BNG “a súa venda á multinacional Centene por un prezo de ganga, e non fixo nada por adquirir o hospital. Tampouco fixo nada cando de novo se volveu vender o hospital  a outra multinacional francesa, Vivalto Santé”, recriminou.

Fronte este historial, o BNG demandou na Cámara “que dunha vez por todas a Xunta do PP remate coa anomalía que supón prestar atención sanitaria a miles de galegas e galegos nun hospital privado” e recuperando este centro para o Sergas, para o servizo público, iniciativa que non foi aprobada polos votos en contra dos Populares e a abstención do grupo Socialista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG