Montse Prado urxe á Xunta a solucionar as deficiencias no servizo de oncoloxía pediátrica no CHUS

Montse Prado
Montse Prado

“O que lle molesta ao PP é que este tipo de situacións saían a luz na comisión de investigación da sanidade público”, salientou

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, levou ao Parlamento as denuncias presentadas por pais e nais polas deficiencias no servizo de oncoloxía pediátrica no CHUS, así como o continuo deterioro da sanidade pública que reflexan as enquisas cunha caída da valoración por parte dos e das usuarias do sistema público de saúde.

“O deterioro tradúcese nas folgas dos profesionais dos PACs, de urxencias do CHUS, do 061, dos traballadores das ambulancias. Nos MIR, que denuncian precariedade e falta de oportunidades laborais mentres faltan profesionais no Sergas e as listas de espera non fan máis que medrar”, indicou Prado.

As mobilizacións e a caída da valoración nas enquisas non son o único indicador do deterioro provocado polos recortes do PP, súmase as denuncias dos usuarios e usuarias das que Prado citou como exemplo máis recente as presentadas por proxenitores de menores doentes oncolóxicos no Hospital de Santiago.

“Non existe unha unidade de oncoloxía pediátrica como tal, senón que está integrada o que supón compartir espazo con outras patoloxías co risco que iso supón para nenos e nenas case sempre coas defensas baixas”, indicou Prado, ademais, “non hai habitacións suficientes e só catro teñen illamento, os menores agardan horas na sala de curas ou nun despacho por falta de camas”.

“Pais e nais denuncian que as carencias e irregularidades moi graves só se ven superadas polo bo facer do persoal”, indicou Prado, quen criticou a falta de resposta do conselleiro de Sanidade. “Ao PP o que lle molesta é que cuestións como esta que se denuncia podan saír á luz na comisión de investigación da sanidade pública”, indicou.

A deputada do Bloque salientou que os e as profesionais e persoas usuarias do sistema público de saúde “están a dicir basta e que non están dispostos a calar máis diante do deterioro brutal da sanidade porque queren unha sanidade pública de calidade. Rectifiquen a súa política de privatizacións, recortes e precarización do persoal, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG