Montse Prado esixe equiparar as condicións laborais do persoal do Hospital do Salnés ao do resto de hospitais

Montse Prado
Montse Prado

Reclama equiparar as condicións  dos  celadores e celadoras cos profesionais do resto dos centros do SERGAS,  aumentar o cadro de persoal a nove efectivos, depender da Xefatura de Persoal subalterno da EOXI e nomear un/unha responsable no hospital do Salnés

A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu unha proposición non de lei na Comisión de Sanidade destinada  equiparar as condicións  dos celadores e celadoras do Hospital do Salnés co resto de profesionais dos hospitais do SERGAS.

Denunciou “a folla de ruta” do Partido popular que cualificou de “sangría ao sistema sanitario público de Galiza” e aos seus profesionais, os maiores damnificados por unha política “de maltrato” constante. Un exemplo desa política de persoal, dixo, é a do Hospital do Salnés.

Nesta liña, exixiu “o mesmo trato” e calidade asistencial para as persoas usuarias do centro hospitalario do Salnés que no resto dos hospitais porque dende a súa inauguración no ano 2001, contou con servizos e recursos “por debaixo das necesidades da poboación”, e coa ratio de persoal máis baixas dos centros sanitarios do SERGAS.

No  ano 2008, explicou Prado, a xestión do hospital pasou  a mans do SERGAS cun cadro de 30 celadores e celadoras comezando coa contratación de 18 e a día de hoxe son 27  dos que 6 son fixos, 16 vacantes e cinco con acúmulos de tarefas. Para a deputada, o número é insuficiente, as condicións precarias e un amento de traballo “inaguantable” cun servizo de urxencias de 120 doentes por día, medicina interna con 44 camas atendidas por un celador de mañá e un servizo de RX cun só celador asignado de luns a venres en quendas de maña e tarde pero non de noite, co risco que esta ausencia conleva, advertiu.

Tras a resposta do portavoz do Partido popular, Núñez Centeno que anunciou o voto en contra das reclamacións da iniciativa nacionalista, Prado insistiu na necesidade de  “equiparar a ratio de celadores e celadoras ao do resto de hospitais do Sergas, e polo tanto  aumentar o cadro de persoal, en polo menos 9 efectivos”.

A deputada reiterou a “nefasta política sanitaria” que o Partido popular aplica ao persoal, fundamentalmente nos hospitais comarcais”.

A proposición non de lei foi rexeitada polo grupo maioritario do PP, tras a votación, Montse Prado lamentou que, unha vez máis, o compromiso do Partido popular coa sanidade do Salnés “sexa nulo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG