Montse Prado demanda do SERGAS que se cubra todas as prazas vacantes no sistema público de saúde

Montse Prado
Montse Prado

Reprocha ao PP que pretenda converter o Parlamento nun bunker pechando as salas a quen denuncia a situación da sanidade

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, tirou de ironía para pedir aos deputados e deputadas do PP que non contradigan ao seu xefe de filas e presidente da Xunta, e voten a favor da proposta do BNG reclamando a convocatoria de todas as prazas de todas a categorías que están vacantes no Sergas.

En aras de atender ás demandas dos profesionais, en particular dos PACs, para acabar coa precariedade e a sobrecarga asistencial, o Bloque presentou unha proposición non de lei na que insta á Xunta a cubrir as demandas dos e das profesionais dos puntos de atención continuada.

Igualmente, convocar todas as prazas vacantes no Sergas,  realizar unha oferta laboral de contratación de calidade destinada tanto a fidelizar ao persoal das listas de contratación como de atraer o talento que marchou fora, aumentar as prazas de formación na Facultade de Medicina e demandar do Goberno central máis prazas de formación polo sistema de residencia MIR e EIR que se ofertan en Galiza.

“Os anuncios de Feixóo están ben, pero os feitos estarían moito mellor”, salientou Prado tras o veto do PP a estas propostas do Bloque. É máis, recriminou que na reunión de urxencia do conselleiro de Sanidade cos profesionais, -“tras o tsunamí” que se está a vivir no sistema público de saúde-, se excluíse a determinados colectivos e sindicatos, como por exemplo aos traballadores e traballadoras dos PACs.

A deputada lembrou que os facultativos dos puntos de atención continuada levan meses con mobilizacións, ao igual que os e as traballadoras do servizo de urxencias do CHUS como antes os do Álvaro Cunqueiro e outros colectivos da sanidade pública en contra da precarización derivada da política de contratación do Sergas.

En relación aos “coellos da chistera” anunciados pola Xunta, Prado pediu concreción sobre os supostos contratos estables de até tres anos. “Os médicos teñen a partir dos 55 anos a posibilidade de non facer gardas, cal é a proposta do PP seguir con contratos de gardas localizadas a 11€ mentres que no País Vasco se pagan a 60€, esa é a súa contratación por iso hai estampida dos profesionais que non queren esa precariedade”, denunciou.

A portavoz de Sanidade tamén foi moi crítica coa actitude do PP e do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, empeñados en converter a Cámara autonómica “nun bunker”, impedindo o uso de salas que son públicas con tal de silenciar as voces que denuncian a situación da sanidade pública tras unha década de recortes e privatizacións. “Os grupos políticos temos todo o dereito para usar as salas comúns deste Parlamento para convocar a quen consideremos oportuno para falar do que se queira falar”, recalcou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG