parlamento galego

Montse Prado considera fracasado o Plan de Prevención do Suicidio e urxe medidas de reforzo para atallar a “altísima prevalencia”

Montse Prado
Montse Prado

A deputada do BNG acusa ao PP de “non tomar en serio” os “datos alarmantes” que se rexistran en Galiza, onde o ano pasado quitáronse a vida 340 persoas

Case 9.000 persoas agardan para a primeira consulta de psiquiatría no Sergas 

A deputada do BNG Montse Prado reclamou ao Goberno do PP medidas de reforzo para atallar en Galicia a “elevadísima” prevalencia dos suicidios, un problema “con consecuencias sanitarias e sociais de primeira orde” que afecta especialmente a Galiza, onde no ano 2022 quitáronse a vida 340 persoas, practicamente unha ao día segundo os datos do Imelga.

Prado defendeu no Parlamento unha proposición non de lei neste sentido ao considerar que o Plan de Prevención do Suicidio aprobado no 2017, con medidas e dotación de recursos “máis que insuficientes”,  quedou “practicamente en papel mollado”. Así o evidencian, argumentou, os “alarmantes” datos rexistrados en Galiza, “tristemente  á cabeza das taxas de suicidios no Estado español”. “Os últimos datos publicados polo INE mostran que o ano pasado houbo 4.097 suicidios no Estado, 11 cada día e destes un en Galiza”, indicou.

Datos aínda máis alarmantes se se ten en conta que, como estima a Organización Mundial da Saúde, por cada morte por suicidio consumada prodúcense entre vinte e trinta tentativas, alertou a deputada do BNG, aludindo tamén á especial incidencia rexistrada entre poboación moza, onde é a principal causa de morte.

“Os centros de ensino están dando a alarma. É moi preocupante o aumento de trastornos de conduta alimentaria, afectiva, déficit de atención, hiperactividade e o, sobre todo, condutas autolesivas e intentos de suicidio”, subliñou.

Prado denunciou os déficits de persoal especialista na rede do Sergas, referíndose neste sentido a estudos que indican que Galicia “está á cola do Estado” cun cadro de persoal que só cubre o 68 % das prazas precisas en psiquiatría, o 49 % das de enfermería, o 50 % dos psicólogos que serían necesarios, o 27 % en traballo social ou o 32 % en terapia ocupacional.

Criticou así mesmo os “tempos de espera inaceptábeis” para consultas de saúde mental, “a gran pandemia post covid”, dixo. “Hai case nove mil persoas agardando por unha primeira consulta en psiquiatría e hai que esperar meses para ser atendido” mentres segue en aumento a prescrición e consumo de psicofármacos, moitas veces o único recurso que lles queda aos profesionais da Atención Primaria para a atención os cada vez máis pacientes que chegan ás consultas con problemas relacionados coa saúde mental, denunciou.

Diante desta realidade, a deputada do BNG acusou ao PP de “non tomar en serio”  un problema para o que “o diagnóstico certeiro, rápido e temperán é importantísimo para non cronificar e non chegar tarde”.

Lamentou, deste xeito, a negativa do PP a apoiar as propostas incluídas na proposición non de lei do BNG, que considera imprescindible, en primeiro lugar, coñecer máis a fondo os datos  en relación cos suicidios e as autolesións, así como un estudo que determine as características das persoas suicidas en Galiza de cara a establecer o alcance das medidas a tomar e ser máis eficaces.

Montse Prado avogou tamén pola posta en marcha de programas de intervención intensiva da conduta suicida para a atención e prevención, con equipos en cada área sanitaria e recursos humanos e económicos suficientes.

Ademais de campañas de concienciación e prevención, a batería de medidas propostas polo BNG inclúe a creación nos centros de saúde de Atención Primaria de prazas de persoal especializado (psicólogos, terapeutas ocupacionais, traballadores sociais...) para a creación de equipas multidisciplinares, ou a creación de unidades hospitalarias de atención infanto xuvenís en todas as áreas sanitarias.

Un luxo ao alcance duns poucos

Máis prazas e máis formación para os profesionais completan as propostas defendidas pola deputada nacionalista, que na defensa da súa proposta lamentou que, hoxe en día, “ter asistencia aos problemas de saúde mental é un luxo ao alcance duns poucos”.

“A precariedade da atención na sanidade pública e os elevados prezos da atención privada impiden a unha parte da poboación recibir tratamento. Isto divide á poboación en dous grupos: os que poden pagar a atención sanitaria e os que non”, criticou.  

 

      
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG