Galegas 2020

Mini Rivas comprométese a abrir o centro de día de Corcubión, un servizo imprescindíbel para moitas familias

Encontro Corcubión
Encontro Corcubión

Un goberno do BNG na Xunta priorizará as persoas máis vulnerables e porá  en marcha un plan de mellora dos centros de día

O candidato do BNG por A Coruña  aposta pola reactivación económica  de CEE con industrias sostibles que non colidan co medio ambiente e respecten os bancos marisqueiros

O  candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luis  visitou os concellos de CEE e Corcubión acompañado do exalcalde de CEE, Rafael Mouzo, cargos municipais e membros do BNG da comarca da Costa da Morte.

Para o candidato nacionalista resulta unha “anacronía” que o centro de día de Corcubión permaneza pechado despois dun investimento publico  de máis de 300 mil euros e dotado con todos os medios necesarios para dar servizo a máis de 25 familias. O centro, dixo,  só precisa de persoal para abrir as súas portas e asegurou que un goberno do BNG na Xunta “priorizará os coidados das persoas máis vulnerables” porque é unha necesidade de moitas persoas en Galiza e concretamente para o  concello de Corcubión. É urxente, recalcou, “atender á vellez e ás discapacidades” e  un centro de día “non é un aparcadoiro de vellos e discapacitados”, é un lugar para que os nosos maiores poidan relacionarse e ter os servizos que demandan.

Si o BNG ten responsabilidades de goberno, afirmou Rivas,  o centro de día abrirá as súas portas porque só precisa ser dotado de persoal e preguntou porque aínda non entrou en funcionamento cando cumpre con todas as condicións necesarias? ao mellor resulta que non se abre porque “ hai intereses privados doutros centros de día cercanos que verían en perigo o seu negocio”. Para o BNG “ ter unha vellez digna é un dereito” e non se pode negociar con el. Dende o BNG, engadiu o candidato,  crearemos un servizo público, “semellante ao Sergas” para atender todas estas necesidades.  “O Goberno que aspira  a liderar o BNG  tras o 12X vai poñer ás persoas como eixo fundamental na súa acción política, atención máxima ás persoas, e en   particular ás que máis o precisan e as súas familias”, remarcou Rivas no seu encontro cos membros da Asociación Boca de Sapo que reivindican, xunto ao BNG de Corcubión, a apertura do centro de día.

 Rivas destacou que  en Galiza hai máis de 14.000 persoas usuarias de centros de día que levan sen poder recibir a atención desde o 13 de marzo, “e ás que o presidente da Xunta lles di que van estar sen poder recibir esa atención até setembro”. Feixóo debe explicar porqué pode abrir todo menos os centros de día, abren os  parques, poden celebrarse verbenas, abren as  terrazas, poderemos ir  a praia, e sen embargo “non se pode abrir un servizo básico para as persoas afectadas e para as súa familias como son os centros de día”.

Estamos falando, dixo  de miles de persoas que precisan atención especializada nos centros de día, “pero que teñen o acceso pechado a esa atención cando tanto as familias como as persoas que traballaban no seu coidado advirten do risco do  deterioro da súa saúde, a súa capacidade cognitiva, de mobilidade ou  interrelación social.  Rivas suma a todas estas circunstancias o problema  da  “conciliación familiar e  sobrecarga que o peche dos centros implica para as familias.

Os coidados sociais son esenciais e o Bloque ten propostas concretas en materia de servizos sociais, empezando por poñer en marcha un Servizo Galego do Benestar, un equivalente ao SERGAS no ámbito dos servizos sociais, para avanzar na xestión pública dos diferentes servizos: residencias da terceira idade, centros para persoas con necesidades especiais, centros de día ou o servizo de axuda ao fogar.

O BNG aposta por reactivar a economía con industrias sostibles

O candidato nacionalista  tamén visitou os terreos en desuso dos antigos estaleiros de SICAR, no concello  de CEE, cuxa concesión finalizou no ano 2018 e agora, explicou “a decisión para novos usos é competencia de  Portos de Galiza”. Neste sentido, lembrou a intención dunha empresa para implantarse no lugar e desenvolver actividades relacionadas coa reparación de barcos. Os terreos situados na marxe esquerda da ría ofrecen grandes posibilidades para o proxecto polo que o candidato do BNG amosou a súa sorpresa ante a falta de resposta de Portos de Galiza sobre esta cuestión e considerou que é necesario darlle utilidade aos terreos sempre coidando de manter “o equilibrio ambiental da ría” e cos bancos de marisco existentes. O proxecto empresarial crearía  postos de traballo e reactivaría a economía do concello pero moito nos tememos, dixo o candidato, que a negativa de Portos de Galiza obedece a “intereses que non son os da poboación” e mesmo poderíamos estar ante “un pelotazo urbanístico”.

Esta comarca, reiterou o nacionalista, precisa  crear e manter o  emprego e lembrou “a ameaza sobre  Ferroatlántica” que provocou as protestas dos traballadores.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG