Galegas 2020

Mini Rivas: “A dous días das eleccións Medio Ambiente fai o que non fixo en catro anos: aprobar axudas polos danos do xabaril e o lobo”

Moeche
Moeche
Na visita ás instalacións do futuro Centro Comarcal de Desenvolvemento rural de Moeche, cualifica de “electoralismo” o proceder de Medio Ambiente e pide concentrar o voto no BNG para erradicar as “prácticas caciquís do Partido popular”

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas, denunciou hoxe en Moeche que a Consellería de Medio Ambiente está a chamar a gandeiros e gandeiras para informalos da rectificación pola que axudas denegadas por danos provocados polo xabaril e o lobo serán aprobadas e abonadas na cantidade solicitada.

Para o nacionalista, este proceder resulta “electoralista”  e forma parte das “prácticas caciquís do Partido popular”. Rivas pediu en Moeche unha grande participación o vindeiro 12 de Xullo para que o BNG lidere o goberno galego e poida “erradicar comportamentos como o exhibido hoxe polo Partido popular a través da consellería de Medio Ambiente” tentando convencer aos gandeiros e gandeiras que “o seu voto vale a contía da subvención solicitada”.

O candidato do BNG visitou o concello de Moeche onde foi recibido pola alcaldesa, Beatriz Bascoy e  acompañado polo alcalde de San Sadurniño, Secundino García para visitar as instalacións do futuro Centro Comarcal de Desenvolvemento rural e participar nun mitin onde pediu concentrar o voto o vindeiro 12 de xullo para iniciar “o tempo novo que precisa Galiza cun goberno liderado por unha muller, nacionalista, feminista, por Ana Pontón”.

Tras a visita ao futuro Centro Comarcal de Desenvolvemento rural, Rivas explicou que o centro acollerá diferentes cursos de formación e servirá de  apoio aos produtos de horta e autoconsumo excendentarios co fin de que cheguen ao mercado en óptimas condicións sanitarias e hixiénicas. O Centro, ademais de apoiar iniciativas en materia de innovación porá a disposición dos produtores, produtoras, labradores e labradoras os mecanismos e sistemas necesarios para  dinamizar a horta e fruticultura próspera da zona. O centro dedicará a súa actividade á  transformación de produtos primando a calidade do sabor e poñendo en valor unha froita máis sostible. Para o candidato do BNG, o futuro centro de Moeche “potenciará a próspera fruticultura e aportará  as garantías sanitarias para a súa posterior venda”.

 Xosé Luís Rivas destacou a implicación dos concellos de Moeche, San Sadurniño, Valdoviño e Cerdido neste proxecto que  persigue a excelencia  acadada con experiencias semellantes en diferentes partes de Europa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG