parlamento galego

Mercedes Queixas: “Hai 5.000 alumnos e alumnas e toda unha comarca demandando un Conservatorio de Danza en Compostela que o PP leva anos paralizando”

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
A portavoz de Cultura aludiu ás discrepancias internas do PP respecto deste asunto, “xa que tiveron que corrixir, incluso, ao seu candidato en Compostela, Borja Verea, que prometeu este conservatorio en campaña”

O BNG emprazou ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a habilitar un conservatorio de danza en Compostela “para atender a demanda de ata 5.000 alumnas e alumnos e á veciñanza de Compostela”, demandou a portavoz de Cultura, que criticou a negativa reiterada do conselleiro a reunirse cos representantes da Plataforma pola Creación do Conservatorio Profesional de Danza de Compostela que demanda este centro dende hai varios anos.

“Fagan caso, máis do que lle fan até agoa, ao Consello da Cultura Galega, que os empraza a abrir un conservatorio de danza en cada cidade galega”, impeleu Queixas a Román Rodríguez, en referencia aos datos que amosan como a Xunta só dispón dun único conservatorio de danza en Galiza, sito na cidade de Lugo, "e totalmente insuficiente para atender a demanda", remarcou.

A portavoz de Cultura salientou o pulo que a veciñanza compostelá leva facendo dende hai anos para acadar este centro, motivación que, de feito, chegou ao pleno do consistorio compostelán, “como valora que a corporación municipal de Compostela teña aprobado en pleno, sen ningún voto en contra, impulsado polo BNG, solicitarlle á Xunta a creación deste conservatorio e comprometida a cesión dunha parcela municipal para a construción?”, inquiriu fronte un Goberno do PP “que se desentende” da vizosidade cultural da sociedade galega.

“A Plataforma para a creación dun conservatorio de danza en Compostela ve como ano tras ano vostede lles nega unha reunión”, denunciou a deputada nacionalista, que aproveitou a súa quenda de intervención para lembrarlle ao Conselleiro de Cultura o feito de que Borja Verea, candidato popular á alcaldía de Santiago. “que prometeu en campaña un conservatorio de Danza e logo o seu propio partido, o PP, votou en contra desa decisión na comisión”, destacou.

O conselleiro, pola súa banda, alegou valorar “se é necesario” un conservatorio de danza que si están a reclamar veciñanza e sector cultural, demostrado cun estudo que xa elaborou a propia plataforma, a mesma á que Román Rodríguez se nega recibir. Queixas, nesta liña, emprazou a Román Rodríguez “a escoitar esta petición xusta e rigorosa que non debera ser rea dos conflitos internos do PP e da súa descoordinación”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG