"Mellor local, mellor Galego; aposta polo noso"

Campaña comercio local
Campaña comercio local

Ana Pontón fai un chamamento para consumir no comercio de proximidade

Reclama á Xunta unha nova lei de comercio local, liñas de axudas para o sector e unha moratoria ás grandes superficies comerciais

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou en Compostela a campaña baixo o lema “Mellor local, mellor galego; aposta polo noso”, acompañada da portavoz municipal do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, e membros do grupo parlamentario nacionalista. Nunha tenda de artesanía na zona vella compostelá, Pontón fixo un chamamento a “consumir no comercio de proximidade” nestas datas de grandes compras.

A líder do BNG instou á Xunta a “elaborar unha lei de comercio galego”, así como axudas para o sector e “unha moratoria” para as grandes superficies comercias. Na presentación da campaña do BNG para apoiar o comercio galego local lanzou unha dobre mensaxe: “apostar por consumir produto galego, porque xera riqueza e emprego  e reforza o comercio sustentable e consumir este produto nas nosas vilas e cidades porque é garantía da calidade e favorece a dinamización económica da nosa contorna”.

Tras agradecer amosar o seu agradecemento á responsable de “Boles”, tenda de artesanía onde foi presentada a campaña do BNG, Pontón destacou a calidade da artesanía galega e o potencial das persoas responsables dos comercios que apostan por un produto que redunda na calidade de creación dende Galiza. “Para o BNG -dixo- “o comercio local é un sinal da identidade e non podermos entender a vida nas nosas vilas e cidades sen este comercio”.

Campaña comercio localO sector comercial  en crise

A portavoz nacionalista insistiu na necesidade de impulsar o sector “xa en crise dende antes da pandemia, coa perda de máis de 3.5000 comercios” e gravemente afectado agora polo impacto da COVID. Ademais da artesanía e de cara ao Nadal, Pontón lembrou que Galiza conta  cunha grande calidade na música, no cinema, nos libros, e nos alimentos que imos consumir “nestas datas e ao longo do ano”.

A campaña de apoio ao comercio local do BNG, que será desenvolvida por todo o País, vai acompañada de propostas concretas, entre as que Pontón destacou a necesidade dunha maior implicación da  Xunta “máis alá dunha campaña publicitaria”. “É preciso poñer en marcha unha nova Lei do comercio local para regular horarios ou tempadas de rebaixas porque a lexislación do Partido popular está feita á medida dos grandes”, reclamou. “Dende o BNG -recalcou- queremos unha lei que defenda o pequeno e mediano comercio galego e resulta necesaria para crear emprego e riqueza e sobre todo unha rede de distribución dos produtos galegos”.

Por outro lado, tamén reclamou axudas para a dixitalización e considerou que “sería unha fraude” que os fondos europeos para a reactivación económica non se usaran no pequeno e  mediano comercio. Sobre as grandes superficies, criticou a súa proliferación e apostou por frear este sistema impulsando o comercio nos barrios, cidades e vilas.

Pola súa banda, a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, apelou á necesidade que ten a cidade histórica de Compostela de apostar polo seu comercio tradicional, que continúa desaparecendo dando lugar a unha proliferación de tendas especializadas en souvenirs para o turismo, “nun proceso que provoca a falta de servizos nunha cidade histórica que se vai despoboando”. De igual xeito, reclamou o apoio “de verdade” das distintas Administracións ao Consorcio de Santiago e non con plans “que veñen a vender fume como fixo o Real Padroado este 25 de xullo”. “Que o apoien nos seus orzamentos; que nos orzamentos da Xunta e nos orzamentos do Estado haxa unha cantidade para que o Consorcio de Santiago poida acometer cuestións vitais como recuperar espazos simbólicos hoxe en desuso ou para comprar locais que poidan poñerse en disposición como viveiros de comercio a aquelas persoas que decidan emprender o seu negocio por vez primeira”, concluíu.  


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG