parlamento galego

Luz verde á petición do BNG de crear un centro nacional para preservar e difundir o inmenso patrimonio fotográfico de Galiza

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Queixas afirma que as fotos son memoria persoal, biográfica e colectiva do que somos como pobo e que é a nosa responsabilidade preservalas

A portavoz de Cultura do BNG no Parlamento, Mercedes Queixas, acadou consenso no Parlamento para a creación dun Centro Nacional de Fotografía como organismo público que permita preservar o noso patrimonio fotográfico para garantir a súa pervivencia, visibilidade, documentación, dixitalización e difusión.

A proposta do BNG saíu adiante por unanimidade tras unha transacción co PP na que “O Parlamento insta a Xunta á crear o primeiro Centro Galego de Fotografía, ao longo da presente lexislatura, dotado de persoal e financiación adecuada, para recompilar e coordinar a xestión dos legados fotográficos históricos, co obxectivo de dotar o noso País dun arquivo dixital e bibliográfico que permita recuperar, conservar, estudar e difundir a fotografía histórica de Galiza, dinamizar a produción fotográfica galega contemporánea e potenciar a realización de estudos e investigación sobre esta expresión artística”. Nesta transacción concretábase que a súa creación debería facerse neste lexislatura, conseguindo ser así máis ambiciosa que a proposta nacionalista inicial.

“As fotografías son arte creativa e tamén memoria persoal, biográfica e colectiva, que contan quen somos e onde vivimos como pobo. É a nosa responsabilidade protexelo, coidalo e conservalo. Somos a correa de transmisión deste legado”, argumentou Queixas.

Queixas indicou que, a día de hoxe, unha parte dese patrimonio está coidado en mans de institucións como o Arquivo do Reino de Galiza, a Real Academia Galega, a Academia Galega de Belas Artes, o Museo de Pontevedra, o Museo do Pobo Galego, as deputacións, Abanca ou a Xunta de Galiza. Pero tamén existen outros arquivos en mans de coleccións privadas ou de familiares que “son os que teñen risco de perda porque precisan dunhas condicións e mantementos determinados”, advertiu.

“Cómpre un espazo que centralice a documentación, que inventarie todos os fondos que aínda conservamos, que coordine os arquivos que hai e que sexa, en definitiva, ese gran centro nacional do patrimonio fotográfico”, expresou.

Un obxectivo que tamén era o gran desexo de José Suárez, a quen este 1 de abril a Real Academia de Belas Artes lle dedicou o Día das Artes: que o seu arquivo fotográfico “sirva algún día para iniciar a fototeca que terá que xurdir”.

Durante a súa exposición, a deputada nacionalista amosou algunhas fotografías moi recoñecibles do propio José Suárez, de Manuel Ferrol, de Ruth Matilda Anderson, de Xurxo Lobato —coa imaxe do Prestige premiada nos Ortega e Gasset de 2003—, ou de Brais Lorenzo, que vén de recibir o World Press Photo por unha imaxe dos lumes deste verán. Tamén fixo referencia á importancia que ten o arquivo do fotógrafo Caamaño, de Muxía, ou de Vidal en Laxe, declarado BIC. “Imposible comprender a evolución da Costa da Morte sen eles”, declarou.

Tal e como recordou Queixas, a proposta de creación dun Centro Nacional de Fotografía “naceu da sociedade, do sector fotográfico”, e foi tamén un compromiso asumido polo BNG e tamén polo PP en campaña electoral. “Porque no BNG temos Galiza sempre no foco”, dixo, preguntándolle ao PP “cal é o seu encadre de cara a conservar o patrimonio fotográfico?: que haxa ou non un Centro Nacional de Fotografía dotado de recursos. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG