O pleno do Congreso aproba a toma en consideración da Proposición de Lei Orgánica de garantía do plurilingüismo e os dereitos lingüísticos da cidadanía ante as institucións do Estado, promovida conxuntamente por BNG, ERC, EH Bildu, PNV, Comuns e Compromís. O deputado do BNG no Congreso valora positivamente a votación e cualifícaa como “un primeiro paso para asegurar o dereito efectivo da cidadanía para relacionarse coa Administración en calquera das linguas oficiais”.
A proposta lexislativa tomada en consideración ten como obxectivo central garantir que calquera cidadán poida exercer o seu dereito a relacionarse cos órganos do poder xudicial, coas institucións estatais e coa Administración Xeral do Estado en calquera das linguas oficiais do territorio, con plena validez xurídica. Para iso, introduce obrigas claras de capacitación lingüística en xustiza, función pública e contratación, e dota de ferramentas para asegurar o respecto ao dereito de opción lingüística.
“É un paso máis no recoñecemento real do plurilingüismo do Estado español e avanzar na normalización das nosas linguas a través da conquista de dereitos para os falantes do galego” sinala o deputado do BNG no Congreso durante a súa intervención.
En opinión de Néstor Rego, alén da que corresponde ao goberno galego, o Goberno do Estado ten responsabilidade na actual situación da lingua e -en consecuencia- deberes pendentes que facer: “debe cumprir coa Carta Europea das linguas e garantir que as persoas falantes de galego poidan empregar a nosa lingua tamén na Administración do Estado” defende.
Para a organización nacionalista, a toma en consideración é “un primeiro paso para asegurar o dereito efectivo da cidadanía ao uso do galego, tamén para relacionarse coa Administración” e avanza que traballarán para que a Proposición de Lei Orgánica sexa tramitada con axilidade e publicada no BOE canto antes.
Un goberno galego lingüicida: o PP máis ultra dos últimos tempos
“A normalización do galego terá de vir fundamentalmente de parte da sociedade galega e do goberno galego, mais a realidade é dupla: por un lado, a sociedade galega si quere e, por outro lado, o goberno galego do Partido Popular é hoxe por hoxe o principal inimigo da nosa lingua” destaca o deputado do BNG no Congreso.
Un goberno do PP, engade Néstor Rego, que se opón ao uso do galego no Congreso, no Senado e no seo da Unión Europea. “Após 15 anos de políticas lingüicidas do PP, 33% dos menores de 15 anos da Galiza non dominan o galego” alerta.
Por último, evidencia a posición cada día máis ultra do Partido Popular que, máis unha vez, volve atacar o galego e as persoas que queren vivir na nosa lingua.