parlamento galego

Luís Bará urxe a Sanidade a apertura do consultorio de Goián, que permanece coas persianas baixadas dende hai sete meses

Olalla Rodil e Luís Bará
Olalla Rodil e Luís Bará

O Concello está pagando o alugueiro do local, que xa está equipado, mentres agarda que a Consellería o dote do persoal necesario para o seu funcionamento

O deputado do BNG pide ao conselleiro respecto polos milleiros de veciños de Tomiño que carecen dunha atención sanitaria digna, con esperas de ata 21 días

O deputado do BNG Luís Bará urxiu ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a apertura do consultorio de Goián, en Tomiño, polo que o concello leva pagando sete meses de alugueiro mentres as persianas seguen baixadas, á espera de que Sanidade o dote de persoal. “Cumpra a súa parte e respecte ás dez mil persoas de Tomiño e ás máis de mil da parroquia de Goián que non están a ter unha atención sanitaria digna”, reclamoulle.

Bará interpelou ao conselleiro durante o Pleno pola situación do consultorio, para o que o Concello procurou un espazo que reunise as condicións requiridas polo Sergas logo de que o anterior fose pechado durante a crise do Covid, sendo trasladado ao centro de saúde de Tomiño o servizo que ata o de aquela se prestaba na parroquia de Goián.

O Concello, segundo expuxo o deputado nacionalista, puxo a disposición do Sergas un local de 200 m2 para o novo consultorio o pasado 1 de abril -só tres meses despois de que lle fose solicitado- e dende entón está pagando un alugueiro no que leva investido máis de 21.000 euros, sen que a Consellería de Sanidade “cumprise a súa parte” e o dotase do persoal necesario para poder prestar servizo aos veciños de Goián.

Bará denunciou ademais que, á falta deste servizo, súmase a de persoal no centro de Tomiño, onde están sen cubrir a metade das prazas de facultativo. Isto fai, denunciou, que os pacientes teñan que agardar ata 21 días para ser atendidos.

“Non bote balóns fora e asuma as súa responsabilidade”, emprazou Bará ao titular de Sanidade, ao que lembrou a responsabilidade do Goberno do PP na situación de “recortes e precariedade” que se vive na sanidade pública do País. “Vostedes son os auténticos responsables desta desfeita”, espetoulle, ao tempo que lle botou en cara a falta de planificación porque “se sabían que non tiñan médico para Goián non ten sentido que urxiran ao Concello a poñer a disposición do Sergas un local”.

Neste sentido, o deputado nacionalista afeou ao conselleiro que non atendese nin as chamadas da alcaldesa nin aos escritos remitidos dende o Concello á Consellería reclamando unha solución para o consultorio de Goián. E anticipou a García Comesaña que o seu departamento recibirá unha reclamación por vía xudicial sobre os gastos que está a ocasional un consultorio pechado e, por agora, sen actividade.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG