Galegas 2020

Luís Bará propón un Plan galego de apoio ao sector do viño con axudas para que viticultores e adegas do país afronten o impacto da COVID-19

O Salnés
O Salnés

O cabeza de lista destaca que o BNG na Xunta impulsará un programa propio para Galiza cunha estratexia específica para a DO Rías Baixas

Avogou por recuperar as axudas a fondo perdido do 50% do investimento para as cooperativas que se asenten no territorio

A candidatura do BNG visitou hoxe as adegas de Condes de Albarei en Cambados onde presentou as súas propostas para o sector do viño. O cabeza de cartel Luís Bará afirmou que un goberno galego dirixido polo BNG liderará tras o 12X un Plan galego de apoio ao sector vitivinícola en diálogo cos produtores e adegas para facer fronte ao impacto que está tendo a crise da COVID-19.

Acompañado das tamén candidatas da comarca Montse Prado, Sandra Fernández Agraso e Xosé Leirós, o portavoz municipal Víctor Caamaño, e o responsable comarcal Manolo Domínguez, Bará propuxo axudas para viticultores e tamén para as adegas tendo en conta todo o circuíto de protección, envasado e embotellado e comercialización. Ao seu entender, defendeu, o plan estatal presentado polo goberno central non serve para Galiza porque está pensado para as grandes adegas de Castela León e A Rioxa.

Segundo indicou, a proposta do BNG de apoio ao sector do viño –válida para a denominación de orixe Rías Baixas e para todas as DO galegas- precisará da reactivación das mesas do viño que levan oito anos sen actividade, contemplará medidas de promoción do consumo e axudas específicas para garantir esa campaña tanto para produtores como para adegas, ademais de prever o escenario que se producirá na próxima colleita -nun prazo de menos de dous meses-.

É fundamental, destacou Bará, ter unha estratexia específica para a Denominación Rías Baixas, da que dixo é unha DO que medrou moito nos últimos anos, pero que ten aínda moita capacidade de crecemento e que podería duplicar as terras destinadas á produción de viño “mobilizando terras que foron forestadas e están abandonadas”.

Por outra banda, Bará defendeu que dende a Xunta é preciso dar un apoio diferenciado ao cooperativismo, que no caso do viño no Salnés ten unha importante presenza no sector e é unha garantía de conservar a galeguidade das empresas e tamén de que a riqueza se reparta e se reinvista no propio territorio. “As cooperativas son garantía de ter produtoras, envasadoras, adegas galegas cen por cen e, polo tanto, de defender a identidade galega deste sector que ten moita capacidade de crecemento -a pesar das dificultades deste momento da COVID-19-, se hai un goberno que tire por el, que aposte por el e que o impulse”, dixo.

Neste sentido, o nacionalista avogou por recuperar as axudas a cooperativas a fondo perdido do 50% do investimento que se aprobaron na época de Suárez Canal para favorecer os proxectos que se asenten no territorio e a economía social, fronte á decisión do PP, que as baixou ao 30% de máximo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG