Galegas 2016

Luís Bará: “A cultura galega é unha marca de calidade que debe ter proxección internacional”

Acto de cultura en Bueu
Acto de cultura en Bueu
  • O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra reuniuse hoxe con entidades e persoas do ámbito da cultura da zona do Morrazo
  • “Bueu é un bo exemplo de festivais e eventos culturais que a Xunta debe apoiar con máis forza”, asegurou

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra para as eleccións galegas, Luís Bará, subliñou hoxe en Bueu que “a cultura galega é unha marca de calidade que debe ter proxección internacional”. Bará asegurou isto nun encontro aberto con representantes do mundo da cultura da comarca do Morrazo no que expuxo os modelos de apoio do BNG á creatividade e a súa experiencia na xestión cultural.

Bará indicou que a cultura, como parte fundamental da identidade do país, precisa dun plan de desenvolvemento e promoción integral que contemple todos os ámbitos. Subliñou que é básico o apoio á creación, ás empresas e a todo o tecido asociativo cultural que hai no país, do que dixo que é “moi vivo, traballa moito e precisa máis apoio oficial”. Tamén destacou que é necesario mellorar as estruturas e os equipamentos, colaborar cos concellos e coas deputacións para dinamizar os circuítos e as programacións, e apoiar os eventos culturais de forma global.

En concreto, o cabeza de lista nacionalista sinalou que nestes momentos Bueu é mostra dun grande nivel de programación cultural en diferentes ámbitos artísticos como a música ou a produción audiovisual. “Bueu é un bo exemplo de festivais e eventos nos que a Xunta de Galicia ten que estar presente con máis forza para apoialos e, sobre todo, promocionalos para que teñan unha dimensión cada vez máis internacional”, salientou.

O candidato, así mesmo, sinalou que cultura galega é un sector estratéxico polo que hai que apostar para que sexa un maior dinamizador económico e de xeración de emprego no país, xa que a pesares de xerar o 3% do traballo en Galiza “pode chegar a máis”, formando parte das redes e dos circuítos internacionais. “O país é unha potencia. A cultura galega triunfa cando sae fóra, e iso é garantía de que pode chegar a todos os públicos e a todos os continentes e de que pode crear máis emprego e de máis calidade”, insistiu Bará.

Bará lembrou que, a pesares de políticas contrarias aos seus intereses por parte das administracións galega e estatal, foron bastantes as industrias culturais en Pontevedra que “puideron construír proxectos, ter éxito e levar premios, sendo un orgullo para o país” grazas ao apoio institucional do Concello capitalino. “Temos que apostar pola nosa enerxía, creatividade e talento, porque na realidade somos un referente no mundo cultural levando premios e recoñecementos fóra do noso territorio”, salientou.

Por outra banda, Bará tamén aproveitou para pedir máis autogoberno e asegurar que “os fondos que agora ten o Ministerio de Cultura deberían transferirse directamente a Galiza para poder desenvolver políticas propias no noso país”. “Non ten sentido que siga existindo un Ministerio de Cultura cando as competencias están transferidas ás comunidades autónomas”, dixo.

No encontro con representantes do mundo da cultura, ademais de Luís Bará, tamén estivo presente o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, así como outros cargos orgánicos e institucionais do BNG que recolleron propostas para incluír no programa electoral para as eleccións galegas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG