Galegas 2024

Luís Bará compromete que un goberno do BNG fará da investigación “unha prioridade de país”

Investigación
Investigación

Avanza que o Bloque na Xunta aumentará o investimento en I+D+I ata acadar en 2030 o 2,5% do PIB

Anuncia a posta en marcha dun grande Pacto galego pola ciencia nos primeiros 100 días de goberno e a creación do INNOGAL

O BNG fará da investigación “unha prioridade de país”, porá en marcha nos seus primeiros 100 días de goberno un grande ‘Pacto galego pola ciencia’ e avanzará nunha dobre dirección: máis recursos e estabilidade laboral na investigación científica e tecnolóxica. Así o anunciou hoxe o cabeza de lista do BNG, Luís Bará, nun encontro con persoal investigador dos laboratorios da Facultade de Bioloxía da UVigo.

Asegurou Bará que investir en I+D+i “é o mellor salvoconduto para xerar riqueza e favorecer unha economía competitiva e con empregos dignos”. Por iso comprometeu que un goberno liderado polo BNG colocará a investigación científica como unha prioridade de país para que haxa unha estreita conexión entre a investigación e as necesidades de Galiza, incentivando a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo nun grande Pacto galego pola ciencia a desenvolver nos primeiros 100 días de goberno.

Na súa intervención fixo fincapé en que o país precisa a ciencia e a innovación para facer fronte a grandes retos como o cambio climático, a xestión de residuos, o envellecemento da poboación, a biomedicina, a intelixencia artificial e as novas tecnoloxías, así como a prestación de servizos na sociedade do benestar, da xustiza social e da preservación do territorio.

O líder da candidatura en Pontevedra subliñou que é preciso reforzar o sistema de I+D+i nas universidades, porque é o principal foco de ciencia e investigación, e maximizar a colaboración entre universidade, empresa privada e administración pública. Salientou que urxe un financiamento estable e suficiente, achegándose á media da Unión Europea, cun programa de recursos humanos integral para todas as etapas da carreira investigadora que achegue estabilidade e planificación ao persoal investigador.

Poñendo números sobre a mesa, destacou que o goberno do BNG destinará á ciencia e innovación o equivalente ao 2,5% do PIB de aquí a 2030 “para sacar a Galiza do furgón de cola onde está hoxe cun investimento que apenas chega ao 1% do PIB”.

En relación á estabilidade laboral, as propostas do BNG pasan por definir a carreira profesional investigadora que debe contar co seu propio estatuto que recolla dereitos e deberes; un plan retorna para recuperar o talento emigrado por falta de oportunidades ou por condicións laborais pésimas; e un organismo de xestión, retención e captación de talento, (INNOGAL) como xa teñen outros territorios como Euskadi ou Catalunya con grandes resultados.

“Se queremos apoiar a investigación científica máis alá da retórica hai que darlle condicións laborais estables e de calidade ao persoal, non se pode esperar unha ciencia de calidade, con precariedade, con temporalidade e con baixos salarios”, alegou Bará.

O cabeza de cartel estivo acompañado na súa visita á universidade das tamén candidatas Alexandra Fernández, Brais Ruanova, e Salustiano Mato, ademais da concelleira Ana Martínez.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG