Galegas 2024

Luís Bará: “No BNG temos proxecto para devolver a esperanza a Galiza”

Acto Catoira
Acto Catoira

O cabeza de cartel afirma en Catoira que un goberno de Ana Pontón na Xunta será aliado para impulsar máis solo industrial e mellorar as comunicacións

Apela a unha gran mobilización o 18F para que o Bloque supere os resultados de 2020 e sexa primeira forza política, igual que aconteceu ao acadar a Alcaldía

Luís Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, afirmou hoxe no mitin de Catoira que o Bloque “ten proxecto de goberno para devolver a esperanza a Galiza”. O nacionalista destacou que o 18F todas as persoas que están fartas coa maneira de gobernar do Partido Popular teñen que mobilizarse e concentrar na papeleta do BNG as ganas de cambio. Subliñou, ademais, que a forza nacionalista será aliada de Catoira e a comarca mellorando servizos e poñendo o país a producir.

O número un pola provincia defendeu que “cada voto é fundamental” porque o resultado final decidirase por pouco, e retou á veciñanza de Catoira a “ir a por todas” e conseguir que o BNG sexa a primeira forza política no municipio, xa que no 2020 o PP só gañou por 47 votos. “Imos ser primeira forza política, imos a por todas”, animou, lembrando que o cambio no concello foi posible hai apenas uns meses coa chegada de Xan Castaño á Alcaldía.

Bará destacou que hai outra forma de gobernar o país, que encarna Ana Pontón, e que é moi diferente á de Alfonso Rueda. Destacou que o PP non pode presentar balance do tempo que leva á fronte do executivo galego, por iso nestes días de campaña promete “o que non fixeron en 15 anos e sacan os cheques, bonos e agasallos como vendedores de crecepelo... moi nerviosos polo medo ao cambio imparable que representa o BNG”.

Subliñou que o BNG ten proxecto, propostas e alternativas baseadas en dúas grandes ideas: mellorar a vida da xente e poñer o país a producir. Anunciou que se mellorará a sanidade (cun plan de choque de 200 millóns para Atención Primaria), e se priorizará a atención á infancia e ás persoas maiores, dando coidados de calidade públicos en lugar da mercantilización actual que deixa a vellez en mans de multinacionais.

Falou tamén o cabeza de cartel de poñer o país a producir e avogou por poñer en marcha o potencial, recursos e riqueza ao servizo do país mobilizando o aforro, as obras públicas, a creación de empresas, e vivendas. Tamén subliñou a necesidade de aumentar o valor engadido dos produtos que se obteñen no monte ou do agro, e potenciar o mar, para o que anunciou o Proxecto Rías, unha proposta para rexenerar e sanear o litoral e aproveitar a capacidade de xeración de emprego, axudando ás mariscadoras que agora están a pasar por dificultades cun seguro público.

De maneira concreta en relación con Catoira, Bará salientou que o BNG dende a Xunta traballará para ampliar o solo industrial e ademais mellorar as comunicacións viarias co fin de atraer máis empresas a unha zona con moito dinamismo. Defende o nacionalista.

a creación dun parque localizado na zona de influencia da estrada provincial EP 8001 que une Catoira con Carracedo. Así mesmo, garante que o futuro goberno do Bloque asumirá a titularidade desa vía –incluíndo a Ponte de Catoira- e promoverá que se executen os accesos e saídas na AP9 para dar servizo á área industrial, ademais de poñer ao día todas as estradas autonómicas da zona, con grandes deficiencias.

Comprometeu tamén o candidato da aposta por mellorar as comunicacións en tren, cun ferrocarril de proximidade (o Galtren), e avanzou a posta en marcha do Plan Baixo Ulla co fin de promover de maneira conxunta con todos os concellos de ambas beiras do río todas as potencialidades da zona a nivel económico, turístico, e cultural.

Asegurou Bará que para o 18F falta unha semana decisiva na que se decide o futuro do país. “Vai todo moi ben para o BNG, con datos e ambiente extraordinarios”, dixo, pero afirmou que non está todo feito, polo que insistiu na necesidade dunha participación masiva e de concentrar o voto no Bloque para que non se perda ningún apoio noutras opcións que non teñen capacidade de derrotar ao PP e sacalo do goberno.

O PP, un comercial das empresas

A candidata Montse Prado fixo unha chamada a facer balance do país que deixa o PP e a actuar en consecuencia. Afirmou que “temos un país rico cos peores indicadores, as pensións máis baixas só por detrás de Extremadura, emigración de máis de 200.000 mozos con talento e preparados, e perdidos máis de 55.000 persoas traballadoras”, polo que asegurou que a situación “pide a berros un cambio de rumbo na Xunta e un goberno que queira ser un goberno do país e non un comercial das empresas e do goberno de Madrid, como é o PP na Galiza”.

Fai falta un goberno do BNG, insistiu, que pelexe e traballe defendendo a sanidade –lembrou que os problemas de falta de médicos no centro de saúde en Catoira non están resoltos definitivamente-, os recursos, os servizos sociais, os sectores produtivos, e que aposte pola enerxía ao servizo do país e contra eólicos. “Nos –afirmou.- estivemos en en todas esas loitas colectivas, agora fai falta que esas loitas se convertan en apoio ao BNG, e que os que non están de acordo con como goberna o PP aposten polo BNG”, insistiu, facendo fincapé no cambio a positivo que xa se produciu en Catoira dende a chegada ao goberno local da equipa de Xan Castaño.

Pola súa banda, o alcalde afirmou que os concellos precisan dunha Xunta de Galiza que os trate a todos por igual independentemente da súa cor política. “Xogamos o futuro da mocidade, a sanidade, educación pública e atención digna ás persoas maiores”, confirmou.

Asegurou que Catoira leva discriminada polo goberno do PP moitos anos sen ter obradoiro de emprego que sirva de panca para a formación de persoas, con fondos para o SAF insuficientes e coa concentración parcelaria máis de 24 anos paralizada e sen visos de rematar salvo polo impulso que está a dar agora o Concello e a nova Xunta local composta por moitas mulleres. “Iso –dixo convencido- solucionarase da man do goberno de Ana Pontón”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG