GALEGAS 2020

Luís Bará: “O BNG é a ferramenta máis valiosa para liderar o cambio que Galiza precisa”

Inauguración Tomiño
Inauguración Tomiño
O cabeza de lista por Pontevedra participou hoxe na inauguración do novo local do BNG en Tomiño xunto á alcaldesa Sandra González
Luís Bará: “O BNG é a ferramenta máis valiosa para liderar o cambio que Galiza precisa”

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en Tomiño que “o BNG é a ferramenta máis valiosa para liderar o cambio que Galiza precisa”. Así o manifestou na inauguración do novo local do BNG en Tomiño, onde estivo acompañado pola alcaldesa Sandra González e outros membros do goberno local, afiliados e simpatizantes.

Bará subliñou que o BNG, reforzado coa experiencia e bagaxe de gobernos locais prósperos e con programas exitosos como o de Tomiño, encara o camiño cara ao 5A de maneira animosa e con moita enerxía, convencido de que será a alternativa galega para dar un tempo novo ao país. O nacionalista subliñou que o Bloque ten un proxecto de futuro para Galiza e unha candidata que será a mellor presidenta: “O 5A temos a opción de que Galiza sexa gobernada dende aquí, da man da única forza política coas mans libres, e coa mellor candidata, Ana Pontón, que entrará na historia por ser a primeira muller, feminista e nacionalista, que goberna na Xunta de Galiza”.

O cabeza de lista animou á mobilización e puxo sobre a mesa a importancia de que se active o voto da xente moza e das persoas rebeldes e descontentas coa situación de parálise que está a vivir Galiza. “Todas as persoas que lle queren a este país teñen que saber que poden poñer as súas esperanzas en nós. Non imos fallar para que este país teña un futuro mellor”, afirmou.

En canto ás expectativas de resultados electorais, o cabeza de lista por Pontevedra indicou que o BNG dispón de datos motivadores “que nos dan forzas” e que fan saír “a gañar e a por todas”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, manifestou que o Bloque abre unha nova sede local para abrirse aínda máis á veciñanza e facer das novas instalacións un lugar de debate e encontro con vocación de permanencia. Salientou que é preciso fortalecer o espazo do BNG non só no Concello a nivel institucional, senón tamén apostando pola organización nacionalista como tal, xa que é a que define o modelo a seguir para aumentar a calidade de vida da cidadanía con propostas claras como a recuperación do espazo público.

A rexedora salientou que o BNG de Tomiño participará de maneira activa na campaña de cara ás eleccións galegas do 5A e instou á veciñanza do concello a subirse con ilusión, optimismo e confianza ao proxecto do BNG “propio, xenuíno, diferente e beneficioso para o país”.

 

Luís Bará: “O BNG é a ferramenta máis valiosa para liderar o cambio que Galiza precisa”