Galegas 2016

Luís Bará: “Sen autogoberno non pode haber máis benestar”

Acto público na Estrada
Acto público na Estrada
  • O número 1 da lista do BNG por Pontevedra asegurou hoxe en A Estrada que Galiza precisa xestionar os seus recursos para garantir servizos públicos de calidade
  • Asegurou que o BNG é chave para evitar a maioría absoluta de Feijóo

“Sen autogoberno non pode haber máis benestar”. Así o dixo o candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, hoxe no mitin de A Estrada, onde asegurou tamén que o nacionalismo “significa máis democracia, máis equidade e máis benestar”. “Galiza precisa xestionar os seus recursos, ter a chave dos cartos, un financiamento e unha fiscalidade propia para garantir servizos públicos de calidade e decidir cales son as súas prioridades”, asegurou.

Coa necesidade de maior decisión para o país como bandeira, Bará destacou que se as empresas establecidas en Galiza pagasen o imposto de sociedades no país, así como outros tributos, as arcas galegas poderían ingresar ata 3.000 millóns de euros ao ano. Tamén destacou a aposta do BNG por unha nova banca pública galega e a reformulación dos instrumentos de crédito, adoptando medidas para que o aforro galego reverta en crédito e investimento no país. “Hai que derrotar a submisión a Madrid, ás políticas centralistas da dereita e da esquerda. Hai que consumir produtos políticos do país, orixinais, propios, sen adulterar... Non franquicias de partidos que non poden nin queren defender os intereses dos galegos”, asegurou Bará.

Neste sentido, o candidato asegurou que a única alternativa nacionalista de esquerdas parar Galiza está no BNG “A candidatura da Marea leva nos cinco primeiros postos por Pontevedra a catro persoas de Podemos e unha de Izquierda Unida, polo tanto non hai ningunha opción de que representen o sentimento das persoas que son nacionalistas e galeguistas e de esquerdas”, afirmou.

Ademais de por este argumento, Bará pediu o voto para o BNG asegurando que é a chave para evitar a maioría absoluta de Núñez Feijóo. Destacou que a formación nacionalista está a disputar o último escano en cada unha das provincias galegas co Partido Popular. “O BNG é un voto útil, servirá para permitir o cambio no goberno galego, levar adiante outras políticas e abrir un tempo novo”, asegurou.

O cabeza de lista salientou que a día de hoxe o BNG está a facer unha campaña animosa e recibindo tamén moita enerxía positiva de xente que volve a apoiar á formación, o que ao seu entender ten que ver co discurso que está a defender a formación nacionalista e co proxecto alternativo que hai para o país, pero tamén ao que se chama o ‘efecto Pontón’ da candidata á Presidencia da Xunta.

“O BNG conseguiu resintonizar coa sociedade, e eses votantes que volven a votar BNG, eses votantes que están cansos e desilusionados coas políticas que permitiron darlle unha nova vida política a Rajoy... Eles serán co seu voto ao BNG os que permitan que en Galiza se poña fin a sete anos de ‘xestoría Feijóo’”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG