parlamento galego

Luís Bará acusa á Xunta do PP de “abandonar á súa sorte” ás persoas que peor o están pasando ante a crise inflacionista

Luís Bará
Luís Bará

O BNG propón a reposición urxente da Tarxeta básica e un fondo de rescate hipotecario para axudar a 175.000 galegas e galegos afectados pola suba de intereses

“O Goberno de Rueda é o máis lacazán dos últimos 14 anos, está desbordado e non ten capacidade de dar resposta aos problemas reais da xente”, denunciou

O viceportavoz do BNG no Parlamento, Luís Bará, acusou hoxe ao Goberno da Xunta de “abandonar á súa sorte” aos miles de galegos e galegas que peor o están pasando nun contexto de “grandes dificultades” marcado pola crise inflacionista, cos prezos disparados na cesta da compra, os alugueiros máis caros, os combustible “polas nubes”  e, agora, coa nova subida dos tipos de interese imposta polo Banco Central Europeo.

“Temos un goberno sen alma e sen corazón, desbordado, que actúa coma un zombi e descabezado, un goberno de suplentes despois do éxodo a Madrid das súas principais estrelas”, asegurou Bará, para quen o Executivo de Rueda é ademais “o máis lacazán” dos últimos catorce anos, incapaz de dar resposta aos problemas reais da xente e dedicado, sobre todo, a “vender cortinas de fume para tapar as súas vergoñas e a súa incapacidade”. Contexto no que o deputado nacionalista enmarcou a “sobreactuación” organizada pola Xunta do PP na Cidade da Cultura.

Xunto á falta de medidas para abordar a crise, Bará reprochoulle ao Goberno de Rueda “seca lexislativa” que, dixo, é a peor dende que o PP está na Xunta. E criticou tamén o retraso na tramitación dos Orzamentos e a “improvisación” que vén demostrando, por exemplo, ante cuestións como a emerxencia cinexética do xabaril, “un gravísimo problema que foi a máis pola incapacidade e incompetencia da Xunta”.

“Actúa como unha escopeta de feira que dispara para todos os lados”, advertiu sobre un executivo ao que ve submiso ao PP de Génova, cun presidente á cabeza “absolutamente sometido á estratexia do seu partido para salvar ao soldado Feijóo ante o fracaso da súa investidura”.

Fronte a inacción do PP, anunciou que o BNG vai reclamar no Parlamento unha modificación orzamentaria urxente co obxectivo de recuperar a tarxeta básica “para as familias que peor o están pasando”. Proporá, así mesmo, a creación dun fondo de rescate hipotecario, sufragado ao 75 % pola banca, axudar aos 175.000 galegos que teñen unha hipoteca e que agora teñen que facer fronte a nova suba de intereses decidida polo Banco Central Europeo.

Lembrou ademais que o Bloque xa ten reclamado no Parlamento a creación do cheque escolar de 500 euros para aliviar os gastos das familias ante o “inicio de curso máis caro da historia”. “O BNG ten preocupacións pero tamén propostas”, salientou Bará, que tamén recriminou a Rueda por ter deixado a Galiza fóra dos grandes debates que se están a dar no Estado, como o territorial ou o do financiamento.  

Tamén sobre estas cuestións o BNG ten activada unha ofensiva con propostas para aumentar o autogoberno, dar a Galiza un novo status político e incrementar os recursos financeiros para dar respostas á crise e aos grandes desafíos que ten o País. “O BNG vai utilizar toda a súa capacidade e influencia para defender Galiza neste contexto, no que se abren oportunidades para o noso País e para mellorar a vida dos galegos e as galegas”, concluíu o deputado nacionalista.     
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG