Pleno

Jorquera pide a gratuidade da AG-55 para acabar coa discriminación de Bergantiños e Costa da Morte

O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, apelou ao “clamor social” para reclamar a gratuidade da AG-55, a única autoestrada autonómica xunto coa AG-57 pola que hai que pagar peaxe, pese a que foi concebida para dar unha resposta á saturación de trafico que sofría a veciñanza.

“É unha peaxe que penaliza a todos os veciños e veciñas das comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte co agravante, ademais, de que teñen un nivel de renda inferior a outras partes do país que disfrutan de autovías gratuitas para conectar coas cidades máis próximas”, explicou un Jorquera, que ante os reproches de “falta de claridade” na súa proposta por parte da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, fixo un detallado relato da historia desta autoestrada autonómica.

“Como ex ministro de Fomento que son, -ironizou-, permítame que lle dea unha serie de informacións que vostede parece descoñecer. A primeira, que a AG-55 naceu sen peaxe e foi un goberno do PP quen o implantou, igual que foi un goberno do PP quen decidiu prorrogar a concesión da AP-9 ata o 2048”, criticou.

O portavoz parlamentario demanda da Xunta unha solución “para acabar coa marxinación de Bergantiños e da Costa da Morte”. A posición do Bloque neste tema pasa “por levantar a peaxe da Pastoriza primeiro e o resto das peaxes entre Carballo e A Coruña despois. O goberno galego debe acadar unha solución porque isa é a súa responsabilidade “, demandou Jorquera.

O portavoz parlamentario chamou atención sobre outro factor que engade incertidume a AG-55, a posible operación de compra das principais vías galegas que un fondo voitre estuda lanzar sobre o actual propietario Itínere, o que podería derivar en novos incrementos das tarifas dunha vía que está ampliamente amortizada tras xerar máis de 2.500 millóns de euros en 22 anos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG