Parlamento Galego

Golpe: “A quen quere multar o PP pola contaminación do río Baa se non hai ninguén a quen multar?”

Xosé Manuel Golpe
Xosé Manuel Golpe
O deputado do Eume cualifica de  “Arqueoloxía política"  o compromiso do PP e da Xunta de Rueda co medio ambiente e coa ría de Ferrol

O deputado do BNG pola comarca do Eume, Xosé Manuel Golpe, reclamou no Parlamento que a Xunta de Rueda actúe de inmediato diante do caso grave e prolongado de contaminación por residuos asfálticos na bacía do río Baa, despois de que o PP asegurase que “xa está multando”. “A quen está multando se non hai ninguén a quen multar, a un ente ficticio?”, preguntou asombrado pola resposta dos populares á súa exposición na Comisión 2ª posto que a empresa xa non existe.

Golpe cualificou de “arqueoloxía política” o compromiso do PP e da Xunta co medio ambiente e coa ría de Ferrol porque hai máis de 15 anos que se manteñen depositadas ilegalmente toneladas de refugallos asfálticos entre os concellos de Cabanas e Fene, lixiviando hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs). Segundo indicou, estes compostos están recoñecidos como canceríxenos, mutáxenos e teratóxenos, con potencial impacto sobre a saúde pública, os acuíferos, os ecosistemas fluviais e a actividade marisqueira na ría de Ferrol.

Na súa intervención, o deputado nacionalista lembrou que estes materiais–preto de 900.000 toneladas– foron importados desde os Países Baixos como “árido reciclado asfáltico” por Construcciones Manmer SL, con sede en Pontedeume, sen someterse ao proceso de valorización esixido pola normativa holandesa. Ademais, diferentes informes técnicos e resolucións administrativas de Augas de Galiza e da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) constataron tanto a ilegalidade do depósito como o risco ambiental, sen que se procedese á súa retirada máis de unha década despois dunha resolución firme de reposición da legalidade.​

“Non é admisible que a Xunta leve  once anos desde a resolución da APLU sen actuar, nin é admisible que un río siga a ser contaminado mentres as administracións miran para outro lado”, afirmou.

Golpe subliña que se trata dun “caso de impunidade ambiental” no que unha empresa, hoxe desaparecida, deixou tras de si residuos potencialmente perigosos mentres as administracións foron incapaces de facer cumprir as súas propias resolucións.

O deputado lembrou que varias directivas europeas obrigan a previr o deterioro dos ecosistemas acuáticos e aplicar o principio de “quen contamina paga” e garantir unha xestión ambientalmente racional dos residuos. Ao non seguir en activo a empresa, Golpe recordoulle ao PP que a Xunta pode botar man do mecanismo da execución subsidiaria, que permitiría á Administración galega executar por si mesma ou a través de terceiros as obrigas incumpridas, cargando os custos ao infractor, ou, no seu defecto, asumíndoos. 

É por iso que, na iniciativa defendida por Golpe, o BNG reclamaba a activación inmediata dese mecanismo de execución subsidiaria previsto no artigo 102 da Lei 39/2015 para retirar os residuos asfálticos declarados ilegais, asumir temporalmente o custo se é preciso e recuperalo, se procede, das persoas responsables, e acometer a rexeneración integral da zona afectada, con especial atención á bacía do río Baa.

O Bloque pedía ademais a elaboración dun plan de recuperación ecolóxica do río e da súa contorna, en coordinación cos concellos de Fene, Cabanas e Mugardos, e que se garanta un sistema de seguimento ambiental que impida que situacións semellantes poidan repetirse no futuro. Malia a súa exposición de motivos, o PP votou en contra da iniciativa do BNG.

O deputado rematou convidando o PP a visitar a zona e ver como sae un regueiro con manchas multicor que fan os hidrocarburos que acaba no río e que ao final o acabamos comendo todos a través do marisco e do peixe da Ría. “Iso estamos solucionándoo con multas? Quince anos multando? A quen?. Non o podo crer, tómannos por tontos”, expresou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG