Goberno do Estado rexeita a proposta do BNG de abrir un centro de exames para o permiso de conducir en Lalín

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda rematar co grave prexuízo que supón, para o alumnado e as autoescolas, os desprazamentos diarios até Pontevedra para realizar as prácticas e os exames de condución

BNG defende a descentralización do servizo, “completamente compatíbel” co aumento do persoal examinador, e sinala que Lalín reúne todas as condicións necesarias para a instalación do centro

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia a negativa do Goberno do Estado a abrir un centro de exames da Dirección Xeral de Tráfico en Lalín para a obtención do permiso de conducir. Entende que o concello da comarca pontevedresa reúne todas as condicións necesarias para a súa instalación e conta con maior poboación que outros concellos que xa gozan deste servizo. A idea, defendida pola organización nacionalista a través de iniciativas rexistradas na cámara baixa, procura eliminar o grave prexuízo que supón, tanto para o alumnado como para as autoescolas lalinenses, os desprazamentos diarios até Pontevedra para realizar as prácticas e exames mais a Administración estatal xustifica a decisión afirmando a existencia de dous centros: un en Vigo e outro en Pontevedra.

“A viaxe diaria que teñen que realizar os alumnos das autoescolas de Lalín e outras localidades limítrofes até Pontevedra para realizar as prácticas e o propio exame para a obtención do permiso de conducir supón graves prexuízos de tempo e diñeiro” subliña o deputado do BNG que calcula un mínimo de tres horas de viaxe entre a ida e a volta. A este argumento hai que sumarlle que a vila de Lalín cumpre todas as condicións que se precisan para instalar un centro de exames teórico e práctico. “Conta cun tramo de autoestrada libre de portaxes, rotondas no casco urbano e semáforos en zonas próximas” enumera Rego.

A organización nacionalista entende que é precisa a descentralización deste tipo de exames e permitir que concellos como o e Lalín non saian prexudicados. Na actualidade, concellos con menor poboación que o municipio pontevedrés xa contan coa prestación deste servizo. “O caso de Foz, con 10.000 habitantes, Monforte de Lemos, con 18.300, ou O Barco de Valdeorras, con 13.400, son algúns dos concellos que teñen cifras menores ás de Lalín, que con máis de 20.000 habitantes tamén destaca por contar cunha intensa circulación e un casco urbano moi desenvolto” asevera Rego.

Alén do máis, a apertura dun centro de exames no Concello de Lalín tamén suporía a redución das viaxes para prácticas e o exame final. “Débese ter en conta que, na actualidade, o prezo dos combustíbeis é elevado o que encarece de maneira considerábel o desprazamento entre Lalín e Pontevedra, o que repercute negativamente nas autoescolas e tamén no prezo das prácticas pagadas polo alumnado” explica o deputado do BNG. Paralelamente, a Administración Xeral do Estado na súa resposta ao BNG tamén sinalaba o reforzo do persoal examinador para aumentar a capacidade de exames mais Rego entende que aumentar o persoal examinador é “completamente compatíbel coa descentralización do servizo”.

“Non entendemos porque o Goberno do Estado denega abrir un centro neste concello aínda sabendo que reúne todas as condicións necesarias que evite longos desprazamentos. Só se precisa vontade e o impulso desta medida por parte da Dirección Xeral de Tráfico” conclúe o deputado nacionalista.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG