O Bloque Nacionalista Galego celebra que, após anos de iniciativas e insistencia tanto no Congreso como no ámbito municipal, o Goberno do Estado vén, finalmente, de incoar o expediente para a declaración da Ponte de Cruzul como Ben de Interese Cultural (BIC), un paso imprescindíbel para garantir a súa conservación, protección e posta en valor.
A ponte, unha das infraestruturas patrimoniais máis singulares de Lugo e símbolo histórico do concello de Becerreá, atopábase nun evidente estado de abandono malia as constantes advertencias veciñais e as reclamacións impulsadas polo BNG desde hai anos. O expediente, agora aberto polo Ministerio de Cultura, chega após múltiples iniciativas nacionalistas.
“Un avance froito do traballo constante do BNG”
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebra o anuncio e subliña que este avance “non se explica sen o traballo constante, serio e rigoroso do Bloque Nacionalista Galego” tanto nas Cortes do Estado como no ámbito municipal.
“A incoación do expediente é unha excelente noticia para Becerreá e para a defensa do patrimonio galego. Pero é, sobre todo, unha demostración de que, frente á pasividade das forzas estatais, o BNG traballa día a día para defender a Galiza e os seus intereses. Levamos anos reclamando a protección dun ben único, ligado á historia da comarca e do País, e por fin vemos unha resposta positiva” afirma Rego.
O deputado lembra que a ponte é “un exemplo extraordinario da enxeñaría civil do século XVIII, vinculada ao período neoclásico e á construción do antigo Camiño Real”, ademais de seren escenario de múltiples episodios históricos durante a Guerra da Independencia. “A súa declaración como BIC non só garante a súa preservación, senón que tamén permitirá un maior aproveitamento cultural e turístico para combater o despoboamento da comarca” engade.
Recoñecemento ao traballo local: “A loita en Becerreá tivo resultado”
O voceiro municipal do BNG en Becerreá, Martín Gómez, destaca tamén o valor desta decisión para o concello. “Levamos anos alertando do deterioro da ponte e reclamando actuacións inmediatas. Hoxe vemos como o traballo desde o ámbito local, sumado ao impulso determinante do BNG no Congreso, dá os seus froitos. A declaración BIC é a única garantía real para protexer esta infraestrutura histórica e evitar que continúe o seu deterioro” subliña o voceiro municipal.
Gómez tamén quere agradecer o papel das asociacións e veciñanza que levan anos defendendo este ben patrimonial. “A sociedade de Becerreá demostrou de novo que cando se defende o patrimonio con convicción, o esforzo vale a pena” destaca.
Frente á inacción estatal, o BNG defende a Galiza
O BNG lembra que o Estado mantivo durante anos sen resposta a solicitude formal de declaración como BIC presentada en 2019 por colectivos patrimoniais, malia tratárense dun ben da súa titularidade e responsabilidade. “Se hoxe o expediente se abre é grazas á presión política do BNG. As forzas estatais demostraron unha total falta de interese e sensibilidade polo patrimonio galego” subliña Rego.
Por último, o BNG anuncia que estará vixiante para que o procedemento avance sen novas demoras para que a Ponte de Cruzul conte, canto antes, coa protección que merece.