orgullo lgbt 2023

A Galiza que imaxinamos

Primeira manifestación do Orgullo en Galiza. Vigo, 1981
Primeira manifestación do Orgullo en Galiza. Vigo, 1981

A Galiza que imaxinamos é unha Galiza diversa na que todas as cores do arco da vella teñan cabida e sexan respectadas. A Galiza que imaxinamos é un muro de contención fronte aos discursos de odio que se están a reproducir en múltiples partes do planeta, rescatando leis que criminalizan ás persoas por quen son, a quen aman ou como se expresan en público.

Esa é a Galiza que o nacionalismo galego leva imaxinando décadas, acompañando ás mobilizacións históricas dos colectivos LGBT+ que hoxe conmemoramos. Desde a primeira manifestación do Orgullo na Galiza que tivo lugar en Vigo en 1981 até a primeira proposta sobre dereitos trans que se levou ao Parlamento Galego en 1999, loitamos xunto a organizacións e activistas para materializar esa Galiza como un país vivíbel para as persoas LGBT+.

No BNG somos conscientes de que está a ser un ano difícil para o colectivo, cun incremento exponencial das agresións nas rúas e os discursos de odio nas redes sociais. Somos conscientes de que a reacción avanza a pasos de xigante atentando con especial forza contra o colectivo trans, ao que os discursos de extrema dereita están a sinalar como cabeza de turco, nunha campaña coordinada por axendas políticas e mediáticas que persegue a deshumanización e que presupón a criminalidade de quen é diferente. Nese senso, trala despatoloxización legal que o BNG apoiou no Congreso español, apostamos por unha despatoloxización social que poña freo ás discriminacións sociais e laborais que as persoas trans seguen a padecer.

Nesta liña, apostamos pola formación e a educación como ferramenta transversal que poña freo ás discriminacións que sofren as persoas LGBT+. Cómpre garantir que as nosas rúas sexan espazos seguros e o acceso en igualdade aos servizos públicos en todas as etapas da vida, incluíndo un envellecemento digno e sen violencias.

Neste Orgullo reafirmamos o noso compromiso histórico de defensa dos dereitos LGBT+ e de seguir pulando por construír esa Galiza que imaxinamos: diversa, inclusiva e orgullosa.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG